A axenda foi presentada pola concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo.

A edil ribadense dixo: “comezamos a presentación desta axenda cultural pola música. A EMMeD de Ribadeo continuará neste trimestre co seu ciclo de audicións das diferentes disciplinas que se imparten. Estas exhibicións fanse coa afán de difundir a actividade da escola, de espertar interese nun futuro alumnado e achegar as distintas disciplinas ao público xeral”.

Sanjurjo seguiu a relatar: “a música ten ademais outras propostas ben diferentes. Esta mesma fin de semana, hoxe, unha que inclúe a Beetle Judge e The Ninetines, que forma parte do xa afianzado ciclo do Galiñeiro, que a AC Catro Caños organiza vinculado ao Vendaval Fest. E por outra banda, teremos un concerto lírico Casta Diva, o día 3 de maio. A música sacra ten o seu espazo nos concertos que a Banda Municipal de Música de Ribadeo e a Coral Polifónica ofrecen na Semana Santa. A música e o baile tradicionais protagonizan unha nova edición do festival infantil da asociación Amigos da Gaita. Tamén se fai unha incursión no xénero operístico cun traballo conxunto entre a asociación Bal y Gay e o Coro do Sagrado Corazón, que ofrecerán a montaxe A operiña. A celebración das Letras Galegas trae o tradicional concerto da nosa Banda Municipal e tamén o de Felisa e Montse, ex compoñentes Leilía, co título de Axudádeme a cantar, vinculado ás cantareiras, que este ano son as homenaxeadas”.

A concelleira de Cultura explicou que “en maio chegamos tamén á XI edición de Letras no Campo, a nosa feira do libro. Faremos unha presentación particular cando chegue o momento, mais xa vos avanzamos que a poeta Olga Novo, Premio Nacional de Poesía 2020, será a encargada de ler o pregón. Fóra do programa de Letras no Campo, as presentacións de libros van ter moito protagonismo neste trimestre. Da man do Concello poderemos coñecer a obra por ex. do televisivo home do tempo Martín Barreiro e tamén de Diego Riera. Pola súa banda, a Agrupación Cultural Francisco Lanza organiza a presentación de obra de Lois Pérez, Francisco García Novio, Xosé Salvadores e José María Leal, a parte de programar unha viaxe cultural pola Ribeira Sacra en xuño”.

Begoña Sanjurjo contou que “temos tamén actividades que se saen un pouco do habitual: o torneo de puzzles Puzzleo, tamén un mercado de roupa pop up organizado pola asociación As Catro Patas do Banco, organizadores tamén do Xara Fest, un concerto en Cabanela a cargo desta mesma entidade e unha exposición de debuxos do alumnado do proxecto Éxito Escolar, desenvolvido pola Cruz Vermella”.

A programación cultural de Ribadeo para este trimestre tamén inclúe teatro: “o teatro para público adulto trae xa este domingo ás 20.30 horas á compañía Verdeveras Expresións Artísticas con As formas do amor e no mes de maio tres dos mellores contadores galegos (Guti, Celso Sanmartín e Quico Cadaval) protagonizan a función Tres vellas na romaría. En Rinlo, o Centro Dramático Galego representará Historia dun naufraxio. O público máis cativo tivo o domingo pasado un espectáculo de danza con Caramuxo Teatro. Quedan por diante o contacontos de Miguel Guido, O lobo feliz, e a peza de Vero Rilo, Pelica de burro”.

A edil tamén se referiu ás proxeccións: “canto á produción audiovisual, As Neves, a exitosa película de Sonia Méndez será proxectada no ciclo O Concello cos Coles e a agrupación cultural Francisco Lanza e a asociación Vacas Fracas organizan a proxección, cunha charla coloquio despois, do documental Se canto é porque quero, dirixida pola ribadense Alba López Álvarez e por Damián Varela Pastrana. Trátase dun traballo producido pola Real Academia Galega coas cantareiras tradicionais como protagonistas. E finalizamos co teatro afeccionado. O Concello segue o seu ciclo Seráns de Teatro, no que leva funcións ás parroquias. Desta vez os protagonistas son os grupos A Adala e Pico do Castro. A maiores recibiremos no Teatro a visita do grupo de Viveiro 57 Palabras”.

Sanjurjo engadiu: “para rematar, convidamos a todo o mundo a formar parte das novas edicións do Ribadeo de Tapeo, dos Cantos de Taberna, Ribadeo Ilustrado, da Romaxe das Cruces de Arante e tamén da programación que polo Día do Orgullo LGTB+ organizará a Área de Igualdade do Concello de Ribadeo. Tamén vos convidamos a gozar das diferentes exposicións. Vémonos todos nos espazos culturais”.