A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, explicou que “estamos desenvolvendo desde o Centro de Información á Muller de Ribadeo, en colaboración cos centros educativos do noso concello, o proxecto Eu quero ser coma… para visibilizar os nomes de mulleres e as actividades que fixeron estas mulleres ao longo da historia”.

A edil ribadense lembrou que “foi un proxecto que se presentou aos centros educativos, onde participan alumnado dos colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón, onde escollían unha muller que fixo algo relevante ao longo da historia, traballaron sobre ela e vai culminar con darlle nome a cada unha das aulas que eles escolleron”.

Álvarez Lastra dixo que “este proxecto tiña varias fases. A primeira foi o proceso de investigación e elección do nome desa muller. Hoxe poñemos en escena a segunda fase dese proxecto que nós denominamos Viaxes no Tempo, que consistiu en que por parte do alumnado de primeiro de bacharelato do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo fixeron a representación da vida e da importancia que tiveron cada unha das mulleres que escolleron as aulas dos centros educativos do noso concello. O lugar onde se desenvolveu a actividade foi a Escola de Música, nas distintas aulas fixéronse as representacións teatrais. O alumnado do colexio Gregorio Sanz veu hoxe, día 6, e ao longo de toda a mañá puideron ver tres representacións teatrais de cada unha das vidas desas mulleres, e mañá acudirá o alumnado do colexio Sagrado Corazón, tanto de Infantil como de Primaria”.

A concelleira de Igualdade manifestou que “ao tempo que este alumnado facía esas representacións, e que os alumnxs interactuaban con elas, hai unha exposición de retratos de cada unha destas mulleres feito por alumnos de Plástica e de Debuxo de 3º e 4º da ESO do IES de Ribadeo, dirixidos pola súa profesora de Plástica, Chus. Queremos agradecer a todos os centros de ensino, nomeadamente á profesora de Plástica do IES de Ribadeo, a Teresa González Piñeiroa que dirixiu aos alumnos de coeducación e a Miriam, xefa de estudos, que levou a cabo, en colaboración con nós, o desenrolo deste proxecto”.

Mariluz Álvarez declarou que “o proxecto Eu quero ser coma… non acaba hoxe aquí, senón que vai ter unha última fase onde imos nomear as aulas dos centros educativos do noso concello, de Infantil e de Primaria, todas e cada unha cun nome de muller, co seu retrato feito por este alumnado, e tamén van ter a visita dalgunha destas mulleres que seguen vivas e forman parte da nosa vida como Ana Ferradás, que irá alí o día que marquemos para nomear esa clase e que teña un contacto co alumnado”.

A edil engadiu: “a valoración do día de hoxe foi totalmente satisfactoria, tanto polo alumnado participante como polo profesorado dos centros de ensino que viñeron, e desde logo polas persoas que elaboraron e puxeron en marcha este proxecto que foron Luisa González e Beatriz Yáñez, a nosa axente de igualdade que temos nestes momentos. Quero dar as grazas a todo o mundo que participou e convidar a toda cidadanía en xeral a que se pase pola Escola de Música, ata o día 7 de febreiro, para poder visitar os retratos das mulleres que están ubicados no claustro, en horario de tres da tarde a nove e media da noite, calquera persoa que se achegue pode ver como están pendurados desas columnas da Escola os retratos desas 18 mulleres nas que se traballou este proxecto”.