Segundo explicou a concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, “a actividade enmárcase dentro dos actos programados desde o CIM para conmemorar o día internacional da muller, e que rematan con esta mesa redonda á que asistirán alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO dos centros Sagrado Corazón e Gamallo Fierros e tamén alumnado dos ciclos do CIFP Porta da Auga”.

A edil dixo que “hai certas carreiras e certos traballos que están moi estereotipados. Queríamos poñer enriba da mesa esa cuestión e darlle visibilidade a traballos que na nosa realidade están masificadamente masculinizados, pero que hai unhas poucas mulleres que acceden a eles, desempeñando unha labor fundamental e destacando neses ámbitos”. Álvarez Lastra indicou que “os rapaces e as rapazas dos nosos centros de ensino participarán nunha serie de talleres educativos, en colaboración co CIFP Porta da Auga, onde intercambiarán os roles por un día. As rapazas realizarán actividades de mecánica ou electricidade e os rapaces acudirán aos módulos de educación infantil, de dependencia, traballos relacionados co xénero feminino. A data neste caso está por determinar”.

A concelleira nacionalista dixo que “a que si está pechada é a data da mesa redonda sobre as mulleres nas profesións masculinas, que será o vindeiro luns, 13 de abril. Tres serán as mulleres que aportarán a súa experiencia desde distintos ámbitos: Mª Carme Silva Domínguez, vicerreitora de Servizos do Campus de Lugo; Patricia López, licenciada en Náutica e Transporte Marítimo pola Universidade da Coruña; e Patricia Vior, estudante de grado en Comunicación Audiovisual na Universidade da Coruña. Elas darannos a súa visión sobre a súa presenza en profesións que soen desenvolver máis os homes: as mulleres na universidade, no mar ou nos medios audiovisuais. Haberá intercambios de opinións, preguntas… A mesa estará moderada pola concelleira de Servizos Sociais, Teresa González Piñeiroa, na súa faceta coma profesora de Secundaria para dar a súa visión educativa”. E engadiu que “todas estas mulleres se brindaron para estar con nós dun xeito totalmente altruísta, ás que lles agradecemos a súa presenza nesa actividade. Grazas tamén aos centros educativos, ao profesorado que se implica, ao alumnado que vai asistir, e ás orientadoras que son o canle de comunicación entre o Concello de Ribadeo, o CIM, a Mesa e os centros de ensino”.

Álvarez Lastra insistiu en que “aínda que a mesa redonda está destinada ao alumnado dos centros de ensino de Ribadeo calquera persoa que queira asistir a escoitar as experiencias que nos relatarán estas mulleres poden facelo”.