Segundo informan desde o Centro de Información ás Mulleres “este libro fora a nosa recomendación literaria para o mes de xaneiro, e agora temos a oportunidade de asistir á presentación do libro  e conversar coa autora do mesmo. Mulleres na guerrilla antifranquista galega, é o retrato máis completo das que combateron a ditadura no monte ou apoiaron o refuxio, víveres  ou armas aos clandestinos. Publicouse a finais do 2011 pola catedrática de didáctica da linguaxe e literatura galega Aurora Marco, que ao longo de cinco anos estivo seguindo o rastro de 200 guerrilleiras galegas en arquivos, rexistros civís e casas particulares. Moitas delas faleceran, a outras se lles perdera a pista por completo e nos partes de guerra nin siquera aparece co seu nome completo e non era raro  que a información biográfica de rigor se lle engaderan notas como a querida de ou a amancebada con”.

Desde o CIM engaden que “coa represión, que se xeneralizou coa vitoria dos sublevados en 1939, centos de mulleres comprometidas coa guerrilla antifranquista foron asasinadas, encarceradas, torturadas, violadas, recluídas en campos de concentración; tiveron que partir cara o exilio nunha viaxe, para algunhas, sen volta ou viviron un exilio interior. A súa é a crónica das silenciadas, porque foron obxecto dunha dupla falta de memoria: por seren desafectadas ao novo réxime e pola súa condición feminina”.

No acto do vindeiro xoves haberá unha actuación musical de Pilo Sierra, proxectándose a seguir o documental As silenciadas, de Pablo Ces, que acaba de ser galardoado co premio Memòria i Justícia Universal no III Festival Internacional de Dereitos Humanos de Santa Coloma de Gramanet. Desde o CIM explican que “As silenciadas é un documental histórico que recupera historias de vida, inseridas no seu contexto, de numerosas mulleres que andiveron na clandestinidade ou apoiaron desde a chaira o movemento guerrilleiro. Por defendelo, foron duramente represaliadas: morte, cárcere, tortura física e psicolóxica, exilio… O seu papel foi fundamental na supervivencia deste movemento de resistencia e compre coñecelo”.