A edil de Muller, Mariluz Álvarez Lastra, explicou que “con motivo da celebración do 8 de marzo, como ven sendo habitual estes últimos anos, imos facer a estrea da curta gañadora do III concurso de guións cinematográficos, que a Concellaría da Muller convocou en colaboración cos centros educativos de Ribadeo. Dito concurso enmárcase dentro da oitava edición da campaña Un futuro por compartir en igualdade, onde facemos unha serie de actividades de sensibilización e de traballo coeducativo cos alumnos e alumnos dos nosos centros”.

A concelleira nacionalista dixo que “se trata da terceira edición do concurso de guións cinematográficos e o tema deste ano versaba sobre a corresponsabilidade, é dicir as tarefas e o traballo doméstico e a asunción de responsabilidades dentro do eido familiar das persoas que o conforman. Participaron 50 alumnos de secundaria da ESO e elaboraron 15 guións dos que saíron cinco finalistas. O xoves, 8 de marzo, terá lugar a entrega dos premios no Cine Teatro de Ribadeo e convidamos a todos os que o desexen a que acudan a compartir con nós esta cita importante”.

O guión gañador e a curta que se vai proxectar denomínase Os tempos cambian e as persoas tamén, que foi realizado por alumnos de terceiro da ESO do IES Dionisio Gamallo Fierros. En segundo lugar quedaron As aventuras de Isabel e a súa familia, feito por alumnos de 1º da ESO do IES Porta da Auga. O terceiro premio é para Muller por obrigación, dos alumnos de 2º de ESO do colexio Sagrado Corazón. O cuarto premio é para Cada uno en su sitio de 3º de ESO do IES Porta da Auga e o quinto premio recibirao Conto con vós de 2º de ESO do colexio Sagrado Corazón.

O acto do vindeiro xoves, 8 de marzo, é totalmente gratuíto e aberto a todo o público. Mariluz Álvarez Lastra engadiu que “ademáis este ano imos facer unha edición máis ampla do cd editado, porque haberá unha unidade didáctica para traballar nos centros de ensino, e todas aquelas persoas que o desexen poderán mercar ese cd e levalo ás súas casas”.

A concelleira de Muller lembrou que “desde o CIM temos unha avogada que está a informar e asesorar sobre o cambio de lexislación que suporá o réxime da seguridade social a todas as empregadas de fogar. Todas aquelas persoas que estean nesta situación, tanto porque sexan empregadas como empregadoras, que necesiten obter información ou tramitar algún documento relativo a este cambio poden acudir ao CIM en horario de 8:30 a 15:00 horas no auditorio de Ribadeo, ou solventar as súas dúbidas a través do teléfono 982 120 739”. Álvarez Lastra tamén se referiu á xuntanza que onte mantivo o Consello Municipal das Mulleres de Ribadeo e “no que se analizaron e se acordaron algunhas das actividades que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses. A medida que se acheguen as datas desas acción irémolas dando a coñecer á opinión pública”.