O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, dixo que “segue o verán en Ribadeo, en toda a comarca da Mariña, e seguen as actividades culturais, en concreto no concello de Ribadeo seguimos apostando forte pola cultura”.

O edil nacionalista lembrou que “esta fin de semana tivemos ocasión de inaugurar a exposición de Ruth Matilda Anderson. Foi todo un éxito a presentación. Animamos a todas as persoas, como sempre, a dar un paseo que é moi saudable e despois, tamén para o espírito é moi saudable pararse no forte de San Damián e contemplar as excelentes fotografías de Ruth Matilda Anderson”.

Graña indicou que “temos un misterio que resolver. Hai un cabazo que está nunha das parroquias de Ribadeo, que a ver se entre todos somos quen de identificar e logramos saber de qué casa é ese cabazo que aparece nas fotografías de Ruth Matilda Anderson”.

O concelleiro ribadense engadiu que “hoxe luns, último día do mes de xullo, despois de facer ese paseo saudable e de visitar a exposición de Ruth Matilda Anderson, poderemos achegarnos ao parque de San Francisco ás dez e media, para escoitar un concerto moi singular. É o grupo Xógara, composto por persoas de Gales, de Inglaterra e tamén por un veciño noso da Mariña luguesa, un veciño de Foz que está pola Gran Bretaña facendo a súa vida, compoñendo e traballando”.

Graña manifestou que “este grupo ten un repertorio moi diverso. Poderemos escoitar pezas en galego de músicos ingleses, pezas en galés e distintos ritmos. Como sempre se o tempo o impide o concerto será no Teatro”.