Movemento saudable no forte, así se denomina a actividade organizada polo CIM de Ribadeo que terá lugar o vindeiro 14 de xuño. Está destinada a toda a familia e a todos aqueles que desexen pasar unha xornada saudable ao aire libre.

A xornada dará comezo ás 10:30 horas no Cantón dos Moreno, para saír camiñando ata o Cargadeiro. Alí terá lugar a clase de 11:15 a 12:15 horas. E ao remate @s asistentes tomarán uns pinchos tod@s xunt@s.

Segundo explican desde a Concellaría de Igualdade “Movemento saudable no forte ven ser o remate do 1º Taller de Harmonización Corporal para Mulleres, actividade organizada polo Centro de Información a Muller (CIM) de Ribadeo, que se desenrolou durante os meses de marzo e abril de 2015, na sala Sonda Norte da Casa da Xuventude”.

Desde Igualdade convidan “a todos aqueles que queiran coñecer de primeira man os beneficios desta actividade a sesión demostrativa  que terá lugar o  día 14 de xuño no forte. Este é unha oportunidade para as persoas interesadas en participar na próxima edición e de comprobar os seus beneficios. Nesa actividade no forte traballarase a corrección postural de cabeza, ombros e pelve”.

Segundo indicou a concelleira de Igualdade  de Ribadeo, Mariluz Álvarez Lastra, esta actividade vai dirixida á poboación en xeral, podendo participar menores sempre que vaian acompañados por un tutor responsable. Todas aquelas persoas interesadas en participar deben inscribirse na Casa da Xuventude, sita na Rúa Antonio Otero, 15 de Ribadeo.Telefono: 982 129 889. O prazo de inscrición está aberto ata o 8 de xuño.