O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, sinalou que “o vindeiro venres, 28 de xullo, inaugúrase a exposición Unha mirada de antano: fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia”. E subliñou que “esta mostra é un dos eventos culturais máis importantes do Concello de Ribadeo para este verán e forma parte da obra social de ABanca a través de AFundación”.

O edil nacionalista explicou que “o acto terá lugar ás 19.00 horas no forte San Damián e, logo dunha breve actuación da cantautora local Carmen Rodríguez procederase á inauguración oficial a cargo de representantes de ABanca e do equipo de goberno de Ribadeo. Tamén se aproveitará a ocasión para realizar unha visita guiada”.

Graña engadiu que “esta mostra fotográfica é unha testemuña documental da Galicia dos anos 20 e nela poderemos contemplar polo menos unhas 8 fotos de Ribadeo”.

A exposición estará aberta ata o 26 de agosto e o seu horario será de martes a domingo, desde as 11.30  ás 13.30 horas e desde as 18.30 ás 20.30 horas. O concelleiro de Cultura anima á xente acudir a visitar esta exposición de fotos: “un ano máis un paseo ata o faro da Illa Pancha e antes ou despois ao rematalo podemos facer unha parada no forte de San Damián para ver esta exposición”.