O rexedor explicou que “neste pleno ordinario que celebramos onte, con moitos puntos e que afortunadamente todos saíron adiante, practicamente todos con unanimidade, o que teño que valorar a todos os membros da Corporación independentemente do grupo que formen, porque moitos destes puntos trataban de corrixir aspectos de ordenanzas no sentido de mellorar sempre o funcionamento de cara aos veciños. Nalgunhas destas normas formulamos aspectos para facilitar o acceso a elas, como é o caso das ordenanzas que regulan as axudas de emerxencia ou as actividades que se organizan desde o Concello para que a xente que non o está pasando ben economicamente poder abrir un pouco máis o ámbito para que poidan ser perceptores destas axudas que lles permitan, por exemplo, aos nenos seguir vindo a actividades como a escola de música, as escolas deportivas municipais, etcétera”.

Suárez Barcia indicou que “hai outras ordenanzas nun sentido máis restritivo, pero que buscan unha xustiza social, como é o caso da ordenanza que pretende que todos os hostaleiros que teñen as terrazas as paguen e se algún non paga a terraza no ano que a pediu e se lle concedeu que o ano seguinte non poida instalala, independentemente de que a cantidade que adebeda acabe índolle por vía executiva”.

O alcalde ribadense engadiu que “logo aprobáronse outra serie de propostas de carácter económico moi importantes como o refinanciamento de préstamos do plan de pago a provedores, dado que o Concello de Ribadeo afortunadamente puido entrar nestes criterios ao estar ao día nos pagos, ao presentar no seu balance un resultado positivo do exercicio presupostario puidemos sacar a refinanciación estes préstamos, o que vai supoñer un aforro en total duns 180.000 euros. Isto contribuirá precisamente a dar unha maior liquidez e a poder facer algunha cousiña máis para todos os veciños e veciñas”.

Fernando Suárez sinalou que “tamén hai outras ordenanzas que se modificaron como pode ser a dos mercados, como o de Rodríguez Murias, no que plantexamos unha regulación de horarios, da tipoloxía das estéticas para que sexan iguais, que non haxa un posto dun mercado de artesanía cun plástico e outro cunha lona, senón que todos teñan unha mesma estética. E, ao mesmo tempo, dar un tratamento de legalidade a algo que ben sendo de feito dende hai moitos anos, como é o mercado dos sábados, que non estaba regulado como si o está o dos mércores ou o dos domingos”.

No pleno ordinario de onte tamén se aprobaron “estes dous convenios entre o Concello e a Xefatura de Tráfico de Lugo para intercambio de información en mutua colaboración administrativa polo cal a Xefatura de Tráfico poderá prestar determinado material á Policía Local, como poden ser etilómetros ou tamén outros aspectos que melloran a relación do Concello e a dos veciños deste concello, xa que agora cando alguén se empadroe en Ribadeo se el quere nosoutros poderemos tramitarlle que os seus vehículos que ten asentados noutro concello se integren aquí. Polo tanto esta persoa evitará ter que desprazarse a unha Xefatura Provincial de Tráfico e o padrón municipal de vehículos verá reflectido con moita maior realidade os vehículos que están aquí durante todo o ano e pagarán o imposto de vehículos aquí”.