O Concello ven de solicitarlle á Xunta, un ano máis, unha subvención para seguir co proceso de humanización e reforma dalgunhas rúas da vila. O Concello demanda axuda económica nesta ocasión para a modernización dun treito da rúa San Roque, o comprendido entre Ramón González e a praciña de San Roque. O importe dos traballos ascende a 80.000 euros e o prazo de execución será de dous meses. As obras, segundo o alcalde, darían comezo despois da festas da patrona, o vindeiro mes de setembro.

Fernando Suárez dixo que “nestes últimos anos estivemos traballando moitísimo en modernizar e actualizar unha serie de rúas, avenidas e espazos públicos, pero aínda quedan cousas por facer. Acabamos de pedir unha nova subvención dentro desta orde de concurrencia competitiva que desde hai anos a Xunta promove para renovar espazos públicos”. O rexedor sinalou que “agora xunto con aportación municipal pretendemos modernizar un treito importante da rúa San Roque, o comprendido entre a súa confluencia con Ramón González e a praciña de San Roque. Trátase dun treito quizáis non demasiado longo en distancia, pero sí moi importante porque concentra moito tráfico e moita xente andando”.

O alcalde de Ribadeo manifestou que “de aí que tamén co apoio que tivemos da Asociación de Comerciantes queremos levar adiante esta nova actuación que tería que acometerse despois das festas da patrona deste 2011. O custe total do proxecto de modernización e humanización deste treito da rúa San Roque ascende a uns 80.000 euros e o prazo de execución é de dous meses”. E explicou que “o que pretendemos é cambiar todas as beirarrúas, dado que a maioría das veces se atopan totalmente deterioradas as súas tuberías de saneamento, de auga, etc… queremos poñer esas beirarrúas de granito, aumentar o número de farolas e seguir humanizando con árbores, que é unha tónica que fixemos todos estes anos en moitas rúas e agora na primavera cando as árbores xa foron prendendo da gusto ver toda esta floresta que vai cambiando Ribadeo para ben e que tanta e tanta xente o valora positivamente”.

Suárez Barcia agarda que “como todos os anos, a Xunta cumpra o seu papel importante na financiación desta actuación, que si non hai novidade se iniciará despois das festas patronais”.