No escrito enviado ao conselleiro de Política Social por parte da comisión pro residencia de maiores alúdese aos razoamentos expostos polos técnicos (secretario de interventor) municipais sobre algunhas das demandas efectuadas por parte da Xunta. Sobre o plan de viabilidade, que lle reclama a administración autonómica ao Concello ribadense sinalan que “tratándose dun convenio para financiar a construción e dotación dun equipamento para o que se concedeu autorización pola súa parte (e non o funcionamento ou apertura do mesmo unha vez construído e iniciadas as actividades), non ten moito sentido incluír cláusulas relativas ás seguintes fases de vida do centro, de xeito que no momento oportuno terá que achegar o Concello os documentos que esixa a lei, entre eles un plan de viabilidade, e a súa Consellería terá que analizalos e darlles o prace para que se poda poñer en marcha no seu caso”. E seguen a relatar que “procede, xa que logo, que se eliminen do texto do convenio as cláusulas e referencias relativas á achega previa desta documentación esixible a posteriori e ao seguimento desta, debendo centrarse como no resto de achegas que se outorgan para a execución de infraestruturas por parte da Xunta de Galicia (recentemente praza de abastos, parque San Francisco, sinalización turística, etc…) na xustificación e acreditación do cumprimento da finalidade para a que se concede a axuda e a realidade material das obras ou subministracións efectuadas”.

O alcalde ribadense sinala que “o escrito asinado polos representantes veciñais e por case todos os partidos políticos con representación na Corporación Municipal, agás o PP, foi remitido ao novo conselleiro de Política Social e aínda seguimos agardando pola súa resposta. O escrito foi elaborado e consensuado co secretario e o co interventor do Concello e é aí onde damos as explicacións oportunas sobre o convenio comprometido por parte da Xunta, e pendente de asinar, para a residencia de maiores que se constrúe en Ribadeo”.

Suárez Barcia considera que “non hai peor xordo que o que non quere oír e peor cego que o que non quere ver. Á comisión pro residencia non lle contesta a Xunta, senón que lle contesta un representante do PP, na sede local desta formación en Ribadeo. Asistimos á perversión da democracia con estas actitudes”.

O rexedor lembrou que “nós seguimos a manter a mesma liña que ata hai uns meses veu apoiando o PP de Ribadeo. A comisión estaba formada polas formacións políticas con representación no Concello e polas asociacións veciñais. E agora hai unhas semanas que o PP decidiu abandonar este barco no que estabamos a navegar todos xuntos. Os membros do PP de Ribadeo non son os representantes dos veciños, que lles deron os seus votos hai pouco, son os representantes do seu partido e están a practicar esa política cocha que á xente non lle gusta nada. Oxalá muden de opinión, pero insistimos en que coa axuda da Xunta ou sen ela a residencia de maiores de Ribadeo será unha realidade”.

Suárez Barcia engade que “en Ribadeo seguimos á espera pola resposta do conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, que é o único interlocutor válido para nós neste asunto”.