O alcalde, Fernando Suárez, asegurou que sairon moderadamente satisfeitos desa xuntanza. O rexedor sinalou que “esta primeira xuntanza coa delegada territorial da Xunta en Lugo debo enmarcala dentro dunha cortesía institucional, nun tono en un ambiente cordial. Non saímos de alí embriagados de esperanza e de ilusión, nin tampouco absolutamente desahuciados”. Barcia dixo que na comisión e no Concello “sabemos das circunstancias económicas adversas nas que se atopa a Xunta, aínda que tamén sabemos que Ribadeo, e así o temos demostrado a través dun documento que elaboramos hai un par de meses, é unha vila de tipo medio, é un dos únicos catro concellos da provincia que a día de hoxe seguen medrando en poboación. A pesares de todo isto é un concello onde os maiores de 65 anos representan o 23,8% da poboación total, algo que está por enriba da media galega”.

O estudo recolle que “hai 2.439 veciños maiores de 65 anos, dos que 545 viven sós. Aínda que desde o Concello e desde as institucións teñamos que traballar para que teñan unha vida o máis cómoda posible nas súas vivendas a través dos servizos de axuda a domicilio, a través de programas como Xantar sobre rodas, é evidente que por unha liña vital moitas destas persoas teñen que acabar as súas vidas nunha residencia”. O alcalde de Ribadeo relatou que “a día de hoxe constatamos que hai unhas 20 persoas que están en residencias fora do noso concello e bastante lonxe en lugares coma Quiroga, Monforte, Valadouro, etc, porque os medios que temos en Ribadeo, cun hospital asilo municipal rexido por unha congregación relixiosa, non cubren nin por asomo as necesidades que temos e ao mesmo tempo como cabeceira de comarca que somos reivindicamos a construcción dunha residencia”.

Fernando Suárez explicou que “para iso dirixímonos a quen ten as competencias e o diñeiro que é a Xunta de Galicia, para amosarlle a disponibilidade total e absoluta da Corporación Municipal  e estou cheo de orgullo de poder dicir que imos un membro de cada grupo político, que aínda que nos poidamos tirar os trastos á cabeza en multitude de cousas, nisto estamos traballando con absoluta unidade e franqueza. Ogallá sigamos así no futuro inmediato, porque así a Xunta poderá ter menos argumentos e menos excusas para comprometerse con Ribadeo”. O rexedor ribadense indicou que “nos pediron un tempo para estudar este documento que lle presentamos a Raquel Arias, propuxemos darlle todo o mes de febreiro e co compromiso, por parte da delegada territorial, de que na primeira semana de marzo nos recibirá a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, para honestamente dicirnos si a Xunta se ve con capacidade para apoiarnos ou si simplemente decide que nos busquemos a vida doutro xeito. E agardo que esta última posibilidade non se dea”.

Suárez Barcia apuntou que “teremos que traballar para que outras administracións como a Deputación poñan o seu grao de de area, non fundamental, pero sí indispensable, e traballaremos desde o punto de vista municipal e urbanístico e en todos aqueles aspectos nos que o Concello teña algo que dicir, pero para lograr que entre Concello, Deputación e Xunta, porque ten as competencias e a responsabilidade, Ribadeo ao igual que outras vilas de tipo medio poida chegar a ter unha residencia de maiores nun tempo razonable”. O rexedor lembrou que “se está a falar dun mapa sanitario e de residencias ao longo de todo o país e hai certas voces que o cuestionan. Si Foz pode ter unha residencia con máis motivo Ribadeo por poboación, por caída de poboación doutros concellos, por medre sistemático da súa poboación… debe contar con estas instalacións. Confiamos na sensibilidade da Xunta de Galicia e desta primeira cita saíamos moderadamente satisfeitos, non triunfalistas nin pesitismas, senón cunha sensación moderadamente positiva”.

Da comisión pro residencia da terceira idade en Ribadeo forman parte un representante de cada un dos grupos políticos con representación na Corporación Municipal: BNG, PP, PSOE e UPRI, e un representante da plataforma veciñal que aglutina a varios colectivos da vila.