Segundo explican desde estes departamentos “tras a finalización a pasada semana do curso de desenvolvemento de marca persoal e a realización das primeiras titorías individuais, Mira.Me, dentro do programa Ribadeo Emprende, entra neste mes de xullo nunha segunda fase na que os alumnos deseñarán, guionizarán e planificarán o seu propio vídeo currículo”.

Desde a Concellaría de Desenvolvemento Local relatan que “ata o momento, os participantes do proxecto asistiron a 24 horas de formación teórica, na que aprenderon a descubrir os seus talentos e características diferenciadoras, a coñecerse mais, pero sobre todo a aproveitar os actuais recursos dixitais para gañar proxección e transmitir todas esas características definitorias do seu perfil profesional de maneira máis eficaz”. E engaden que “os alumnos asistiron tamén a titorías individuais nas que, en base á parte teórica e á marca persoal propia creada, empezouse a traballar no guión do seu vídeo currículo”.

“Todo este mes de xullo dedicarase polo tanto ao deseño dese guión e á preparación dos recursos necesarios para a súa gravación, tratando de crear unha peza diferenciadora que mesture creatividade, imaxinación, talentos e paixóns propias, que lles permita gañar visibilidade e unha maior proxección na busca de emprego, no actual contexto laboral e do entorno 2.0. En agosto e setembro as pezas gravaranse na propia vila e intentarán poñer como marco común a venda do talento profesional que hai na zona de cara á dinamización laboral e empresarial”, sinalan desde a Concellaría de Mocidade.

Desenvolvemento Local e Mocidade lembran que “Mira.Me xorde coa intención de ofrecer por unha parte aos participantes a posibilidade de descubrir e chegar a novas ofertas a través de novas canles, xestionando mellor o seu talento. Por outra parte, ten como destinatario ás empresas, que descubrirán a profesionais do seu entorno que en moitas ocasións, nun mercado tan saturado e masificado, poden pasar máis desapercibidos”.