A edil nacionalista dixo que “este venres ás oito e media da tarde presentaremos no Cine Teatro de Ribadeo os vídeo currículos realizados nos últimos meses polos alumnos e alumnas que acudiron a este proxecto pioneiro Mira.Me. Ante as dificultades que presenta na actualidade atopar emprego e tendo en conta que o xeito de chegar a un público concreto, poder dirixir a información a quen nos interesa que lle chegue, ven da man das novas tecnoloxías. É a aí onde está o valor desta presentación persoal e viva, de xeito que aquel conxunto de folios no que expoñiamos as nosas habilidades persoais xa é en moitas ocasións un recurso insuficiente para atopar traballo hoxe en día”.

Martínez explicou que “así desde o Concello de Ribadeo e de xeito pioneiro comezamos a traballar cun grupo de persoas, que tras demandar o servizo de orientación laboral, estiveron interesadas en participar neste proxecto. Chámase Mira.Me, que é a marca persoal máis o vídeo currículo, e contou con dúas fases complementarias que permitiron como punto final a creación destas pezas audiovisuais que teremos a ocasión de ver este venres no Cine Teatro”.

A concelleira de Desenvolvemento Local contou que “na primeira fase, que se desenvolveu durante o mes de xuño, os alumnos participantes aprenderon a descubrir valores e atributos que lles poden axudar a diferenciarse no competitivo mercado laboral, descubrir o mellor que deles mesmos poden dar. Unha vez definidos os trazos máis destacables da súa promoción profesional os alumnos iniciáronse na aprendizaxe da xestión da súa marca persoal na rede para buscar emprego e así optimizar a súa presenza nas redes sociais”.

Ana Martínez engadiu que “posteriormente mediante varias titorías individuais, deseñando un itinerario personalizaron desenvolveron un guión do que será a súa carta de presentación audiovisual, o seu vídeo currículo. Así nos últimos días, e co asesoramento e a incorporación á parte técnica de todo este proxecto de El Farero Colectivo Audivisual, os participantes en Mira.Me estiveron metidos na gravación das súas pezas audiovisuais. Así xa todas estas pezas estarán tamén nun blog que levará o mesmo nome do programa, dentro do que é Ribadeo Emprende“.

Desde o Concello destácase “a boa acollida que tivo esta iniciativa e confiamos que sexa un primeiro paso ao que pouco a pouco se vaian incorporando máis alumnos e ampliando a outros sectores como poden ser emprendedores, comercios da vila, etc, todo o que poidamos ir xerando arredor desta nova comunicación a través das novas tecnoloxías”.

A concelleira anima á xente “a que se achegue mañá ao Cine Teatro a ver e disfrutar destes vídeo currículos”.