O rexedor asegurou que “vai moi ben esta campaña de recollida de fotos para escanear, que estamos levando adiante desde esta fototeca que queremos crear aquí en Ribadeo coa colaboración de todos os veciños e veciñas, tanto das parroquias como da vila. Moitos deles, canalizados a través das asociacións veciñais, están contribuindo a cedernos en uso, a permitir que o Concello poida escanear esas fotos históricas anteriores aos anos 70, onde se recollen momentos da vida da xente de Ribadeo, quizáis dos que nunca volvan, de oficios que xa non existen, de feiras, de festas, de calquera evento familiar que a propia xente así o queira facer público”.

Suárez Barcia confirmou que “temos xa unhas 1.000 fotografías e cando remate esta campaña de recollida de fotos a mediados deste mes teremos material para empezar a facer unha serie de exposicións itinerantes polas parroquias así como tamén algunha publicación de todo este patrimonio que queremos recoller antes de que se perda. Hai fotografías moi vellas e moi deterioradas, pero unha vez que se escaneen quedarán permanentemente a disposición do que é a cidadanía en xeral, a través do Concello de Ribadeo como depositario deste material”.

O alcalde convidou “unha vez máis a todas aquelas persoas que lles pareza ben esta iniciativa e que aínda non quixeran compartir con todos nós ese patrimonio que teñen de seus pais, de seus avós, de seus bisavós, dalgunha fotografía que sexa relevante para figurar nunha exposición ou na edición dun libro, que o fagan. Poden vir á oficina de turismo ou ao telecentro de Ribadeo, que falen coas rapazas que se están a facer cargo desta iniciativa e que poñan ao noso dispor estas fotografías para que simplemente as escaneemos e collamos algúns datos da época na que foron tomadas, así coma unha breve descrición do que esas imaxes recollen”.