O alcalde ribadense dixo: “en relación coa situación do mercado municipal semanal, tanto o mercado dos mércores como o mercado dos sábados, desde o Concello de Ribadeo estamos buscando vías para, canto antes, poñelo en marcha novamente. Pero igual que todos os sectores do comercio e da hostalería están facendo unha serie de cambios para adaptarse ás leis que nos están vindo de súpeto, estamos tamén desde o goberno municipal, tanto cos membros do goberno como cos funcionarios e técnicos municipais responsables de que todo isto funcione ben, funcione o mellor posible, e hai que ter en conta que a partir de agora vai haber unhas medidas básicas diferentes no que ten que ver coas separacións, etc… Ata hai moi poucas horas, as normativas que nos veñen dadas polo Estado estaban en contradición con unhas que dispuxo a Xunta, e ata hai moi poucas horas non tivemos unha certeza concreta de como casar os dous aspectos, tivemos que chamar tanto á Subdelegación do Goberno como á Xunta de Galicia para ver como interpretar estas normativas”.

Fernando Suárez subliñou que “hai que ter en conta que o mercado de Ribadeo ten practicamente cen postos, tanto de agroalimentarios, de produtores, como de roupa e outro tipo de artigos. Polo tanto estamos estudando, hai que dar un período de adaptación, sabendo que o mercado tal e como o coñecemos ata agora non vai poder ser viable, polo que estamos traballando para establecelo dunha maneira segura tanto para os vendedores ambulantes e os produtores como tamén para os clientes. Estamos traballando porque vai haber unha nova normalidade, que é a que se está dicindo, e temos que traballar coa seguridade máis absoluta. Polo tanto se podemos reiniciar xa o vindeiro mércores pois o faremos, pero senón, se á vista do que nos digan os técnicos non é recomendable, demoraremos un pouco máis a súa volta”.

O rexedor engadiu que “estamos facendo todo o posible. Sabemos que é unha vía de ingresos de moita xente, pero temos que primeiramente salvagardar a seguridade pública de tanto esforzo que nos está custando a toda a sociedade toda esta situación, non podemos tiralo todo pola borda, por facer as cousas mal en dous días”.