O alcalde, Dani Vega, manifestou que “o inicio do verán en Ribadeo é sinónimo de sostibilidade, alimentación de proximidade e consumo local. Esta fin de semana volve o Mercado dos Domingos, que organizamos desde o Concello en colaboración coa asociación de produtores da horta A Sucadoira”.

O rexedor indicou que “o que pretendemos é pór en valor a economía de proximidade, potenciando o consumo de temporada e saudable, coidando do medio, beneficiando a nosa economía local e dinamizando a vila”. 

No Mercado dos Domingos participarán 15 produtores e produtoras da zona, que porán á venda froitas, hortalizas, queixos, pan, doces, setas, cervexas e outro tipo de produtos como coitelos.

Este domingo, 25 de xuño, a Asociación Cultural A Ronqueta amenizará o mercado.