Suárez Barcia sinalaba que “desde o Concello seguimos planificando pouquiño a pouquiño toda a temporada estival, que afortunadamente nos últimos anos lle está dando moi bo resultado a Ribadeo, desde o punto de vista de que sempre ben moita xente. O fenómeno das Catedrais atrae a moitos turistas e Ribadeo ten unha singularidade propia dentro do que é o turismo galego e brilla con luz propia”. O alcalde dixo que “no que ten que ver coas praias, incluso atendendo algunha petición do grupo Upri que o outro día no pleno nos indicaba que deberíamos ter en consideración ás persoas discapacitadas para que poidan acceder a praias, estivemos falando co Servizo Provincial de Costas e vamos proceder a poñer unha pasarela de madeira na praia dos Bloques, na parte final onde está á area desa praia pequena, para que se poida acceder a través dunha cadeira de rodas”. E engadiu que “tamén se van facer outras actuacións de mellora no paseo marítimo do Faro, do Cargadeiro, no que vai á Illa Pancha. Incluso ao final, no encontro xa co acceso á praia de Rocas Brancas, queremos poder facer un paso alí para que se poida acceder con comodidade e seguridade. Será un paso que unirá a beirarrúa do paseo co acceso peonil a ese areal”.

O rexedor de Ribadeo indicou que “ao mesmo tempo destas pequenas actuacións estamos á espera de que a Xunta nos confirme o número de socorristas que nos vai conceder neste 2013, que espero sexa superior aos destes últimos anos dado que as necesidades que Ribadeo ten na praia das Catedrais son inmensas e todo o que viñan dando non cubría nin a metade do que necesitamos”.

Fernando Suárez Barcia tamén relatou que “aparte disto tamén vamos propoñer unha pequena actuación no ascensor panorámico, que durante todo o ano pero sobre todo na época estival non para de subir e baixar cos visitantes que o frecuentan e que nos xera uns custes elevados de limpeza e de mantemento. O que queremos facer é compensar eses gastos a través dun pequeno concurso que vamos sacar; a partir de hoxe vai estar publicado na web do Concello, no taboleiro de anuncios durante 8 días concretamente, para autorizar un espazo de uso de dominio público para a explotación cunha caseta para vender lambetadas, refrescos, xeados, etcétera na zona do ascensor panorámico na Atalaia e no paseo marítimo. Polo tanto a persoa ou a empresa que gañe este concurso que vamos sacar agora a licitación terá tamén que comprometerse a ter unha información turística de Ribadeo e sobre todo, porque é unha cousa que consideramos moi importante, a facerse cargo de limpeza, do mantemento, da apertura e do peche para que o ascensor estea durante todo o verán nunhas condicións óptimas, dado que é un lugar moi visitado por moita xente que vén a Ribadeo”.