O rexedor referíuse aos datos que deu a coñecer hai uns días tamén o Instituto Nacional de Estadística (INE) sobre a poboación nos diferentes concellos: “o certo é que Ribadeo sigue cada ano consolidándose como un municipio referencia, como unha capitalidade comarcal da Mariña e do Occidente asturiano, onde cada vez vez ven máis xente vivir. Estes datos que saían hai uns días, a efectos de practicamente un ano atrás, falaban en Ribadeo de 10.061 persoas, a día hoxe, 7 de xaneiro de 2013, o número de persoas empadroadas segundo o Padrón Municipal de Ribadeo ascende a 10.185 persoas. É dicir, xa se superou a barreira dos 10.000 hai anos, pero séguese consolidando. A pesar de que noutros concellos do noso entorno desgraciadamente cada vez teñen menos habitantes”.

Fernando Suárez tamén aludiu á poboación estranxeira que reside en Ribadeo, “incluso aquí o número de estranxeiros de diferentes nacionalidades que hai poucos días estaba en pouco máis de 500 agora, a día de hoxe, ten 561 persoas. A maior poboación é a brasileira con 120 persoas, seguida da portuguesa con 90 veciños empadroados aquí, no noso concello”.

Para o alcalde estes datos son significativos “e quere dicir que Ribadeo é unha vila atractiva para vir vivir aquí, o nivel de impostos está na media dos outros concellos da comarca e moita xente escolle vivir aquí polo nivel de servizos que hai, polas actividades que hai, tanto as que despregan as diferentes entidades privadas como as que organiza o Concello, a piscina, os centros educativos, a escola de música, unha serie de actividades durante todo o ano e non como noutros concellos que igual centralizan moito ao longo da época estival as súas actividades, pero en Ribadeo sempre hai cousas que facer ao longo do ano, non soamente nunha época moi concreta”.

Fernando Suárez engadiu que “isto, aos que nos toca dirixir o goberno municipal requírenos máis dedicación e máis esforzo para seguir mantendo este nivel que estamos tendo en Ribadeo de concello atractivo, para que isto non se perda e que cada ano sigamos recibindo e empadroando a máis veciños e veciñas”.