Concello de Ribadeo

Residuos

O Concello de Ribadeo realiza unha recollida selectiva dos residuos en colaboración coa súa cidadanía, xa que este sistema require dun importante grao de concienciación e colaboración por parte de todos/as os/as ribadenses.

Segundo a súa clase, os residuos deben separarse e depositarse nos seguintes colectores:

Colector xenérico (normalmente de cor verde escura): Nel deposítanse todos aqueles materiais que non é posible recoller de forma selectiva para o seu reciclaxe, como por exemplo restos de comida, papeis impregnados de graxa, cerámica, plástico que non sexa envase…

Colector amarelo:Nel pódense depositar envases lixeiros tales como:

  • Envases de Plástico: de auga, de aceite, vinagre, iogures, de produtos de limpeza, bandexas brancas de alimentos, tarros plásticos de queixos, bolsas de plástico…
  • Metal: latas de bebidas, de conservas, tubos de pasta de dentes, esprais de cosmética (lacas, espumas…), papel de aluminio, tapas metálicas dos frascos.
  • Envases tipo brick: de leite, zume, caldos, tomate, viño…
  • Bolsas e envoltorios de plástico e aluminio: os de alimentos, as bolsas de plástico das tendas, o plástico transparente que acompaña ás bandexas de carne, froita, ou que envolve revistas, xornais…

Convén que todos os residuos que vaian a este colector se baleiren primeiro de líquidos e restos de comida e, sempre que sexa posible, se trate de reducir o seu volume.

Colector azul: este é o colector do papel e o cartón: para xornais; revistas; cadernos (sen espirais); sobres (sen as ventás plásticas); papel de agasallos, oveiras de cartón, envoltorios de azucre, bolsas de papel; caixas de zapatos, galletas, cereais, tabaco… É recomendable pregar os papeis e cartóns antes de introducilos nel e reutilizar as bolsas de papel para gardar e transportar todos estes residuos ao colector.
Destacar que existe un servizo de recollida porta a porta do cartón comercial os martes e xoves pola tarde co fin de non saturar este tipo de contedores. A solicitude de recollida pode facerse no seguinte número de teléfono: 647 86 92 68.

Iglú verde: este é o colector do vidro, para depositar botellas de auga, viño, licores, cervexa…; tarros de marmelada, olivas, mel…; frascos de hortalizas, cosmética; perfumería… En ningún caso se deben tirar nel as tapas ou chapas das botellas e os tarros, lámpadas, espellos, vasos, copas, pratos, obxectos de louza ou cerámica, cristais de ventás…

Punto Limpo:
Os puntos limpos son instalacións cun equipamento axeitado para a recepción, separación selectiva e almacenamento temporal de residuos de orixe doméstica de especiais características.

O obxectivo fundamental destas instalacións consiste en poñer a disposición dos cidadáns un espazo para a achega voluntaria de residuos que non poden ser xestionados polos servizos convencionais da recollida de lixo, polo seu tamaño (residuos voluminosos) ou a súa composición (residuos perigosos).

No punto limpo sepáranse os distintos residuos segundo a súa tipoloxía, facilitando o seu tratamento e valorización posterior. Así, evítase que o seu destino final sexan os vertedoiros, a rede de sumidoiros pública ou calquera outro punto de vertido incontrolado, favorecendo a protección e mellora do medio ambiente.

Os datos do punto limpo de Ribadeo son os seguintes:
Situado no Lugar de O Valín – Ove (43.517890, -7.067864)
Teléfono: 664 00 09 32
Xestionado por: ASCAN SERVICIOS URBANOS, S.L.

Na páxina web do SIRGa (Sistema de Información de Residuos de Galicia) da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio dispón de máis información sobre o funcionamento dos puntos limpos.

Outros residuos

Pilas: poden ser entregadas nos puntos de compra, no punto limpo municipal, depositadas nos paneis informativos con utilidade medio ambiental existentes nas rúas San Roque, San Francisco e Ramón González ou nos distintos contedores existentes en edificios municipais como a Casa do Concello, Auditorio, Casa da Xuventude….

Obxectos metálicos e/ou de madeira: o Concello de Ribadeo ten implantado un servizo de recollida porta a porta de enseres, previa solicitude na Casa do Concello, segundo o trámite indicado na columna da dereita. O primeiro martes de cada mes recóllense metálicos e o último martes madeira e outros materiais. Por outra banda, este tipo de residuos pode ser entregado directamente no punto limpo por parte dos veciños.

Aceites de de cociña: pódense depositar en botellas de plástico pechadas nos seguintes contedores específicos ou levar ao punto limpo:

  • Avenida de Rosalía de Castro.
  • Praza de abastos (2 contedores).
  • Avenida de Rafael Fernández Cardoso.
  • Rúa Clemente Martínez Pasarón.
  • Zona comercial de Vilar.
  • Vilaframil.
  • Rinlo.

Plásticos agrícolas (silos e invernadoiros): o Concello ten establecido un servizo de recollida porta a porta dúas veces ao ano, nos meses de marzo e setembro, debendo solicitarse a recollida anticipadamente á Área de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo.

Roupa usada: o Concello de Ribadeo conta cos seguintes contedores específicos para o depósito de roupa usada:

  • Avenida de Luarca.
  • Avenida de Rosalía de Castro.
  • Rua Clemente Martínez Pasarón.
  • Aparcamiento Municipal de Ribadeo.
  • Zona comercial de Vilar.
  • Vilaframil.
  • Rinlo.

Paneis informativos con utilidade medio ambiental: neste tipo de paneis situados nas rúas San Roque, San Francisco e Ramón González pódense depositar residuos de pilas, lámpadas, CDs e tóner.

Medicamentos: os envases baleiros ou con restos de medicamentos, así como os medicamentos caducados, requiren dunha recollida específica, polo que non se deben depositar no lixo nin mesturar con outros residuos. Deben deixarse pola contra nos colectores que se atopan nas farmacias adheridas ao sistema de recollida selectiva SIGRE. Todo o que precisas saber para eliminar estes residuos correctamente podes atopalo aquí.

Trámites

Recollida de cartón comercial

O Concello de Ribadeo dispón dun servizo de recollida porta a porta de cartón comercial co fin de non saturar os contedores destinados a este tipo de residuo.

Datas de recollida:
Os martes e xoves polas tardes.

Requisitos:

As persoas que solicitasen este servizo deben depositar o cartón na vía pública a primeira hora da tarde dos días de recollida, debidamente pregado e sen supoñer un obstáculo.

Lugar de solicitude:

Este servizo solicitarase a través do número de teléfono 664 000 932.

Instalación dun colector de lixo

Aquí atoparás a solicitude que debes entregar no Concello de Ribadeo para que se instale un colector da recollida de lixo no lugar que sinales.

Recollida de materiais e obxectos vellos

O Concello de Ribadeo dispón dun servizo de recollida de materiais e obxectos vellos a domicilio que se debe solicitar con antelación.

Requisitos:

As persoas que solicitasen este servizo no Concello deben depositar os enseres o día que lle corresponda antes das 9:00 horas da mañá, colocandoos correctamente e sen atrancar a rúa ou a beirarrúa.

Lugar de solicitude:

A solicitude, debidamente cuberta, debe entregarse nas Oficinas Municipais (en horario de 9:00 a 14:00 horas) antes das 14:00 horas do venres anterior ao día da recollida. Os primeiros martes de mes recolleranse os productos metálicos e os últimos marts os de madeira.

Recollida de residuos agrarios

O Concello de Ribadeo dispón dun servizo de recollida de plásticos usados procedentes de silos e invernadoiros.

Datas de recollida:

As recollidas ordinarias establécense nos meses de marzo e setembro, sen prexuízo de que se podan acometer recollidas extraordinarias.

Requisitos:

As persoas que solicitasen este servizo deben ter dispostos os residuos a mañá do día que se indique que comeza o servizo, colocándoos correctamente dobrados  e sen ningún outro tipo de residuos, sen obstaculizar a rúa ou a beirarrúa.

Lugar de solicitude:

A solicitude deberá trasladarse ao Punto Limpo Municipal situado en O Valín (Ove), ben de xeito presencial ou a través do teléfono 664 000 932, sempre antes do venres anterior á semana na que comece a recollida á cal se dará difusión.

Documentos relacionados

Solicitude Instalación dun colector de lixo | PDFSolicitude Recollida de materiais e obxectos vellos | PDFCadrante punto limpo Móbil 2023 | PDFSIRGa (Sistema de Información de Residuos de Galicia) |Qué é un punto limpo?, na web do SIRGA (Consellería de Medio Ambiente) |