David Rivas lembrou que “mañá, martes, remata o prazo de inscrición para esta III Media Maratón Ribadeo-As Catedrais. Polo momento levamos 766 persoas inscritas, exactamente o mesmo número de corredoras e corredores que tomaron a saída o ano pasado”.

O responsable de Deportes ribadense dixo que “todo apunta a que a falta de practicamente corenta e oito horas para o peche de prazo, a participación vai ser maior que nas dúas edicións anteriores. Debemos lembrar desde o Concello que por cuestións da tramitación dos seguros de cada participante non poderemos admitir inscricións máis tarde das doce da noite de mañá”.

O concelleiro de Deportes quixo “aproveitar para agradecer a colaboración de El Progreso, Clínica de Fisioterapia Paula, Eroski, Fisio Relax, Mercadona, Gadis, Hola Ola e Caixa Rural”.

David Rivas fixo un chamamento “para que a xente aproveite estas últimas horas que quedan para o peche de inscrición e se anime a tomar parte nunha edición desta media maratón que se prevé histórica no que á participación se refire”.