Nun pleno solemne e extraordinario, que comezou preto das 11.30 da mañá, rendeuse homenaxe ao Ribadeo FC, que cumpre 100 anos. O concelleiro de Deportes e instrutor do expediente para a concesión desta medalla, Vicente Castro, lembrou que “son poucas as entidades que acadan un século de vida e Ribadeo ten a honra de contar cunha delas, que é o Ribadeo FC, un clube que desde o ano 1913 levou o nome desta vila por Galicia adiante” e lembrou que desde 1952 organiza o trofeo de fútbol Emma Cuervo. O Ribadeo FC contaba xa coa medalla de prata do Concello que lle concedeu a Corporación Municipal no ano 1988, data na que celebrou o seu 75 aniversario. Castro considera que “o Ribadeo FC fixo méritos e conta con cualidades singulares suficientes para que hoxe reciba a medalla de ouro do Concello ribadense”, un galardón que tamén recibiu o ex presidente do Goberno, Leopoldo Calvo-Sotelo.

O presidente do Ribadeo FC, Víctor López, agradeceu ao Concello esta distinción, así coma o acordo unánime que a respalda e lembrou “cando un grupo de xoves decidiu solicitar permiso ao Concello de Ribadeo no ano 1913 para xogar un partido de fútbol no Campo de Sela, que enfrontaría ao Ribadeo e ao Luarca. O choque tivo que suspenderse ao remate do primeiro tempo, debido á tromba de auga que caeu aquela tarde e a segunda parte disputouse ao día seguinte. O encontro rematou con empate a 2 e a continuación xogouse unha prórroga e ao final a vitoria foi para os visitantes”. O presidente do Ribadeo FC tamén sinalou que no 1923 está rexistrado o primeiro regulamento interno do clube, que militou en diferentes categorías ao longo da súa historia e que chegou a xogar na terceira división en varias etapas. López agradeceu o traballo, o sacrificio e o esforzo do seu antecesor no cargo durante os 29 anos que estivo ao fronte do Ribadeo FC.

Pola súa banda, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, aludiu á importancia comercial que a vila tivo a comezos do século XX e á chegada de modas coma a do fútbol. O rexedor engadiu que “100 despois da creación do Ribadeo FC outras persoas sodes as que teredes que seguir a escribir a historia dun clube que se enfronta a desafíos importantes coma: o seu financiamento, a baixo número de socios, tendo en conta a poboación do concello, a escasa presenza de xogadores locais…”. Suárez Barcia rematou a súa intervención “facéndolle entrega da medalla de ouro do Concello ao Ribadeo FC no seu centenario e aos seus xiareiros para que segan a berrar por moito tempo Aupa Ribadeo”. A medalla foi recollida polo presidente actual do clube, Víctor López, e polo seu antecesor, José Pulpeiro.