O obxectivo é que as nais e pais participantes aprendan os pasos da masaxe Shantala, así como da masaxe anticólicos para o lactante e manobras relaxantes da terapia cranio-sacral. Ademais será un espazo de socialización en galego onde as familias compartirán aloumiños, contos e cantos. O material necesario para as familias participantes é: esteira, coxín, aceite e xoguete que lle guste ao neno ou nena.

O día 17 de abril será para menores de 6 meses; o 19 de abril, para bebés desde 6 meses até que camiñen de xeito autónomo; e o 20 de abril, para menores de 3 anos. A duración da actividade será dunha hora, de 17:30 a 18:30. O idioma vehicular das sesións será  o galego e presentarán ás familias participantes unha selección de literatura, música e material audiovisual en galego preparado polo persoal da biblioteca expresamente para eles.

A masaxe Shantala basease na presión suave e os movementos descendentes; o seu  obxectivo é a relaxación do bebé; o ritmo é lento, sen présas. Esta actividade será impartida por Sandra Saavedra Blanco, fisioterapeuta colexiada número 495, coa colaboración do persoal da Biblioteca Municipal de Ribadeo.

As prazas son limitadas e as familias interesadas deben anotarse chamando ao teléfono 982.131.565 ou escribindo ao correo electrónico cultura@ribadeo.org.