Onte ás 19:00 horas levouse a cabo finalmente na parroquia ribadense de Remourelle a observación astronómica organizada pola Concellaría de Medio Ambiente de Ribadeo. A actividade, que tivera que ser aprazada en varias ocasións debido ao mal tempo, contou cun total de 20 participantes. Os asistentes gozaron dunha noite estival e completamente despexada, feito que permitiu que observasen con total nitidez, dende a Escola de Remourelle, o cuarto crecente da lúa, o planeta Marte, as estrelas Mizart e Alcor e o satélite tripulado que xira arredor da terra.

O concelleiro de Medio Ambiente de Ribadeo, Horacio Cupeiro, destacou que “nesta observación en Remourelle participamos onte unhas 20 persoas. Tivemos unha noite excepcional, xa que o ceo estivo totalmente estrelado. Isto permitiunos ver o cuarto crecente da lúa, cos seus cráteres. Ademais, tamén puidemos observar o planeta Marte e as estrelas Mizart e Alcor, dentro da Osa Maior. E para rematar, divisamos varios cúmulos globulares abertos e varias constelacións”. Cupeiro recoñeceu que se tratou dunha observación moi positiva porque “os veciños puideron gozar dunha noite de verán totalmente estrelada, na que se observou perfectamente o paso do satélite tripulado que da a volta á terra ao longo dunha hora e media”.