O movemento feminista denuncia que desde o 1995 un total de 1.378 mulleres foron asasinadas polo terrorismo machista. No que vai de ano contabilizáronse xa 70 casos de asasinatos de mulleres cometidos por homes: só no verán deste 2015 trinta e sete mulleres e 8 menores morreron a mans das súas parellas, pais ou parellas das súas nais.

O movemento feminista considera que “as violencias, que vivimos en distintos ámbitos, suceden nunha sociedade que tolera a desigualdade, e resta credibilidade e autoridade ás mulleres. O machismo alimenta a nosa desvalorización e a falta de respecto ás nosas decisións”. Este movemento convoca a Marcha Estatal contra as Violencias Machistas este sábado, 7 de novembro, en Madrid, a partir das 12 do mediodía. A mobilización sairá do Ministerio de Sanidade e rematará na praza de España.

A Concellaría de Igualdade de Ribadeo fai unha chamada á participación e á que a poboación tome conciencia de que o machismo mata e fai imposible a convivencia esixible nunha democracia. Mariluz Álvarez Lastra asistirá á marcha do sábado en Madrid e anima “a acudir a calquera persoa que a título individual se queira sumar a esta acción”. E engade que o Concello ribadense organizará diversos actos para conmemorar o 25 de novembro “nos que pretendemos implicar a toda a cidadanía”.