O rexedor local inaugurou as xornadas mencionando que “é evidente que compartimos con Portugal proximidades lingüísticas e potencialidades culturais, mais tamén o é que o descoñecemento da nosa realidade no país veciño é inmensa e dificulta calquera achegamento”.


Fernando Suárez seguiu a dicir que “esta nova edición de Mar por Medio quere ser unha ferramenta útil na análise de en que medida o achegamento entre os nosos dous países é realmente posíbel no campo das industrias da cultura e da comunicación”.

No mesmo senso expresouse tamén o director xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta, Luis Bará, que sinalou que “Ribadeo é o lugar máis distante de Galiza con Portugal, pero está moi próximo por esa vocación que sempre tivo de cidade aberta, hospitalaria… esa vontade de establecer pontes de comunicación con diferentes lugares do mundo”.

As Xornadas Mar por Medio analizaron durante varios anos as relacións de Galiza co Reino Unido, en 2007 fixérono con América e neste 2008 con Portugal.

Promoción no exterior

Tras quince edicións difundindo a cultura galega no exterior, desta vez, “Mar por Medio” decide quedar preto da casa e ter por invitado ao país veciño.


Esta nova edición aglutina relatorios baixo o epígrafe “A construción dun espazo común de comunicación e cultura” que reunirán expertos de ambos lados da fronteira para establecer pontes entre as súas políticas culturais, mercados creativos, medios de comunicación e para favorecer a circulación dos artistas.



Tras máis dunha década, “Mar por Medio” consolídase como unha ferramenta imprescindible para canalizar a actividade exterior de Galiza cara outros países. Nesta ocasión, as xornadas buscarán ligar a vertente máis económica da eurorrexión cos lazos culturais que uniron e unen a ambos países.

O achegamento cultural: materia pendente

Malia ter un vínculo cultural moito máis antigo, as operacións económicas protagonizaron nos últimos anos as relacións entre Galiza e o norte de Portugal. A recente oficialización da “eurorrexión”, a terceira na UE pero a primeira na península, dá conta do desprazamento discursivo das letras polos números, o que lonxe de ser un problema ten que ser visto como unha oportunidade para o ámbito da produción cultural.


Na súa XVI edición, “Mar por Medio” mira cara o futuro para rematar co paradoxal descoñecemento mutuo entre galegos e portugueses e trazar estratexias conxuntas para as industrias culturais dos dous países. Máis alá das cifras de persoas que cruzan a Raia para ir traballar, transportar mercancías, facer turismo ou negocios, existe un nexo cultural que hai que reavivar, e que supón o complemento imprescindible para a nosa “eurorrexión” e que estende os seus lazos ata o sur do país veciño.