Estas mantas solidarias representan o esforzo, vontade e motivacións de moitas persoas de procedencia de distintas parroquias e lugares como Vilaousende, Vilaselán, Rinlo, As Anzas, Ribadeo, Vilela, Cinxe, Centro de Día da Veiga, Abres, San Tirso, Xixón, Rábade e moitas persoas individuais que doaron o seu tempo e traballo  para conseguir case medio quilómetro de tecido que será convertido en mantas solidarias, bufandas, coxíns, etc..

Desde a Área de Desenvolvemento Local do Concello sinalan que “aínda que a día de hoxe este grupo de persoas segue a recibir tecido, a partir de hoxe poderán adquirirse neste mercadiño que recada fondos para a loita contra o cancro, que está sito na rúa Ramón González. Queremos convidar a continuar este esforzo colectivo e achegarse ao mercadiño de Nadal da Asociación de Axuda Contra o Cancro para  comprar e regalar solidariedade este Nadal”.

A delegación de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio salienta que “son este tipo de  iniciativas as que suman vontades, sentimentos, motivacións e que poñen o foco nas persoas ás que teñen o éxito garantido”.

O mercadiño (no antigo local de Diva Fruit, na rúa Ramón González ) abre os días de semana no horario de tarde e os festivos e fins de semana de 12.00 a 14.30 e de 16.00 a 20.30 horas.