Fernando Suárez sinalou que “eu como alcalde quero ser tamén o portavoz dos cabreados veciños do noso concello que unha vez máis voltan estar doentes por esta situación. Moitos deles transmitíronme na tarde de onte o seu malestar e a súa preocupación, porque esto xa empeza a ser algo habitual”.

O alcalde contactou na xornada de onte con responsables de Begasa “para saber da problemática, eu non vou entrar nesas cuestións técnicas de que supostamente unha liña caeu, e que por caer esa liña dun determinado núcleo de poboación do concello de Ribadeo logo fastidiou a todas as demáis e singularmente ás da propia vila de Ribadeo. O que quero trasladar aos responsables de Begasa e da Xunta de Galicia é que esto non pode seguir así, esto non pode ser, temos que dicir un basta xa porque esto é intolerable, onte porque choveu, pero en todo caso non foi un ciclón, e eso provocou que tivéramos que estar moito tempo sen electricidade”.

O rexedor considera que “para resolver esto, un pouco en función tamén do que din os resposables de Begasa, é importante que se constrúa dunha vez a subestación eléctrica de Ribadeo, que non é soamente para dar electricidade ao polígono industrial senón que tamén dará suministro amplo e de calidade ao concello de Ribadeo e a parte da Mariña Oriental da provincia de Lugo”.

Suárez Barcia lembra que “hai un mes enviéille un requerimento aos responsables actuais da Consellería de Industria para que tiveran en conta que o protocolo asinado hai un tempo cos anteriores responsables, con Begasa e con SEPES para poñer en marcha a subestación eléctrica de Ribadeo ainda non está materializado. Sí que saíu a exposición pública a construcción do que é a subestación física, pero ainda non saiu a da traza da liña de alta tensión. Parece ser que técnicos de Industria están pendentes de facer un informe último antes de que saia a exposición pública, pero os responsables actuais autonómicos teñen que darlle prioridade absoluta a esta infraestructura porque nos vai moito neso, non soamente á xente que se quere instalar no polígono industrial, senón á vila e ao concello de Ribadeo e á parte oriental da comarca da Mariña”.