O rexedor dixo que “demos, nun dos plenos de onte, satisfacción ao PP porque o tiña solicitado, dado que é un labor de transparencia e de debate, aínda que se votou de xeito negativo motivado, entre outras cousas, porque días atrás xa se celebrou unha auténtica comisión informativa formada por todos os técnicos e profesionais, tanto funcionarios municipais como xurídicos alleos, que participaron na xestión da aceptación e da defensa da herdanza así como da súa valoración para ser aplicada na necesaria mellora do Hospital Asilo”.

O alcalde ribadense explicou que “tamén se votou en contra porque un dos argumentos que leva tempo o grupo municipal do PP é propoñer cousas como que na súa comisión estivesen presentes os representantes legais do doador. E iso precisamente vai contra a vontade do finado xa que, de xeito consciente e deliberado, o señor Francisco Moreda deixou ben claro que os seus bens foran destinados ao Hospital Asilo, polo que calquera interpretación torticeira desta vontade suporía atentar contra a vontade do causante. Se o testador quixera que a súa familia participase teríao deixado dito”.

Suárez Barcia manifestou que “con todo, e a pesar de rexeitar esta comisión sui-géneris, mantemos, como non pode ser tampouco doutro xeito, o noso compromiso de informar á Corporación de todos os pasos que se vaian dando: como na poxa que se vai facer do piso e máis do seu mobiliario, da situación do preito xudicial que se mantén contra a entidade bancaria depositaria dos fondos e que tardou un ano en darnos acceso ás contas e que iso xerou un prexuízo á herdanza, ou da necesaria aprobación do proxecto de adaptación do Hospital Asilo que ten que ser aprobado pola Xunta, como tamén, e isto si que é importante, do compromiso que a Xunta vai adoptar coa financiación da parte restante ata 1,5 millóns de euros ao que ascende o proxecto. Esperemos que desta volta a Xunta colabore de verdade e non como fixo na nova residencia, que leva dous anos andando, que ademais de non poñer un peso fixo todo o posible para que non saíra adiante, aínda que afortunadamente non o conseguiu”.

O rexedor engadiu que “aquí eu quero dicir unha reflexión do pasado recente e contrastala co presente e co futuro inmediato. Mentres outros PP ribadenses, encabezados por Manuel Valín ou por Jesús Penabad, colaboraron desde Ribadeo no ánimo de levar adiante a nova residencia, non foi así daquela polo PP instalado na Xunta de Galicia. Eu quero desta volta, queremos ver, si este PP de Ribadeo actual está á altura dos outros compañeiros del no pasado anterior poñéndose inequivocamente na reclamación activa do compromiso material real diante da Xunta. E a ver se a Xunta de Galicia nos sorprende esta vez e lle dá por colaborar con algo máis que migallas. Veremos se cambia de postura, eu particularmente teño esperanza nesta nova conselleira. A ver logo se o tempo dá ou quita razóns”.