O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “un dos temas importantes que se vai tratar no pleno de mañá martes ten que ver coa relación de postos de traballo do persoal, coas funcións que os traballadores do Concello teñen que facer. Levamos varios meses falando e debatindo nas diferentes mesas de negociación cos sindicatos e agora levamos a pleno unha proposta debatida e acordada e agora queremos que entre en vigor de maneira inmediata”.

O rexedor sinalou que “os Concellos cada vez manexamos menos recursos, as necesidades son as mesmas ou máis das que podían ser antes, e todo isto temos que facelo coa xente que temos, non se poden ampliar máis as plantillas dos Concellos. Nós como goberno queremos defender, e así llelo facemos saber aos traballadores, a importancia da función pública no momento que nos toca vivir, pero para defendela con uñas e dentes temos que acreditar e ten que quedar demostrado que o traballo se pode diversificar e que os postos de traballo deben e poden ser polivalentes: Todo isto estivémosllo a explicar aos traballadores do Concello de Ribadeo e vexo que a maioría o ve de bó grao e si hai algúns que non o ven ben xa será unha cuestión propia e persoal deles”.

O equipo de goberno tamén levará adiante outras liñas de actuación “que non son propias do pleno, pero sí de decreto da alcaldía como é unha nova política de cumprimento horario, que se está implementando nestes mesmos días”. Suárez Barcia considera que “Ribadeo é un Concello modélico en moitas cousas, que presta multitude de servizos á cidadanía moitas veces propios dunha cidade máis grande, e desde logo non queríamos ter que renunciar a todo isto. Queremos que o persoal do Concello sexa consciente do momento que vivimos, que penso que sí que o é, e que se implique dalgunha maneira e que nunca máis teñamos que escoitar frases como isto non o fago porque non me corresponde, ou eu non quero coller o teléfono porque xa son as dúas e vinte da tarde ou algunhas cuestións desagradables que para nada cuestionan o funcionamento de toda unha institución”.

O alcalde de Ribadeo indicou que “a maioría dos traballadores teñen un comportamento moi bó, pero queremos que de aquí en diante se diversifiquen un pouco máis as funcións e os traballos que todos farán para mellorar a relación do Concello coa cidadanía”. Independentemente das modificacións da RPT inclúese unha addenda que di que poderán facer calqueroutra función relacionada co seu posto e categoría.