O rexedor lembrou: “a modo de recordatorio lembrar que mañá martes, 15 de xaneiro, temos prevista esta charla ou xornada de sensibilización que queremos levar adiante na Casa do Mar a partir das oito e media da tarde, para explicar todo o que ten que ver coas faixas de protección dos núcleos habitados fronte aos incendios forestais”.

Suárez Barcia explicou que “esta charla vai ser impartida por unha banda polo persoal técnico do distrito forestal da Mariña e por outra tamén contaremos co técnico de Medio Ambiente do Concello. Ademais de explicar as distancias e todo o que se queira preguntar, queremos tamén dar explicación desta iniciativa que queremos levar adiante desde o Concello de Ribadeo, que é o feito de recoñecer o esforzo de adaptación dos que foron facendo caso ao longo destes meses, foron cortando e eliminando as árbores que son pirófitas e que corren risco de prender lume cando hai un incendio, e que poden afectar ás vivendas e por extensión ás vidas humanas”.

O alcalde ribadense subliñou que “queremos recoñecer o esforzo de toda esta xente e desde o Concello imos botar unha man na repoboación destes espazos, para que unha vez cortados se evite que volva retoñar ao ano seguinte e teñan que volver estar facendo tarefas de limpeza, queremos favorecer o cultivo e a plantación de especies frondosas, que si están autorizadas pola lei de montes e pola lei de incendios de Galicia”.

Fernando Suárez engadiu que “o custo que signifique, que deberá ser cun límite loxicamente, vai ser sufragado polo Concello de Ribadeo. Para iso inicialmente habilitamos unha partida de 6.500 euros para que os propietarios de terreos que foron cortando e adaptándose á lei poidan beneficiarse agora destas actuacións”.

O rexedor convida “a todo o mundo, ao público en xeral, pero especialmente aos propietarios dos montes e dos terreos que están circundantes cos núcleos rurais e coas vivendas illadas, para que acudan a esta charla informativa”.