O vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, foi o encargado de descubrir a placa situada no hall da instalación. Foi a institución provincial, a través da Área de Deportes, a que financiou a realización dunhas obras que hoxe son unha realidade e que mañá serán estreadas polos participantes dun torneo de mini basket no que se dan cita as seleccións masculinas e femininas de Madrid, País Vasco, Castela-León e Galicia.

Unha vez no interior da pista deportiva o alcalde, Fernando Suárez, destacou o esforzo realizado para que o pavillón fose unha realidade e pediulles a nenos e maiores que o coiden “como si fose a vosa casa para que dure moitos anos”. O concelleiro de Deportes, Vicente Castro, lembrou como se xestou o proxecto e agradeceu o traballo realizado polos técnicos e polos traballadores das empresas que fixeron a obra. E o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, dixo que “máis que un pavillón esta instalación é un pazo de deportes” e lembrou cando acudía a Ribadeo xogar ao fútbol sala no antigo pavillón “naqueles míticos maratóns de fútbol sala”.

Na pista deportiva o rexedor, o edil de Deportes e o vicepresidente da Deputación de Lugo estiveron acompañados pola practica totalidade da Corporación Municipal de Ribadeo. Ao finalizar as súas intervencións repartiron entre os nenos e nenas asistentes, tanto das escolas deportivas municipais coma do resto do público, unha bolsa/mochila conmemorativa.