O edil de Economía, Vicente Castro, asegura que “coa aprobación do orzamento damos un gran paso adiante polo que supón darlle cobertura a unha serie de investimentos que son importantes para Ribadeo, xa que contan con financiamento de outras institucións e corrían o risco de perderse”.
Castro engade que “dende o grupo de goberno demos a oportunidade aos demais grupos a facer achegas e de participar na elaboración do presuposto. Aínda que se aproba con boa parte do ano xa avanzada, xa desde o principio de 2008 foran participando nel todos os grupos, porque se levaron a plenos e xuntas de goberno temas e investimentos que todos decidiron”. Vicente Castro engadiu que “nós demos a oportunidade aos demais grupos para facer achegas nunha primeira comisión, e son de agradecer algunhas delas, porque son positivas”. O concelleiro de economía informou de que este seguirá sendo o procedemento da cara a vindeiros exercicios.
Compromiso do alcalde
Pola súa banda, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, valorou de xeito positivo que “o orzamento fose amplamente aprobado onte”. Recalcou así mesmo que este presuposto ten que asumir un remanente negativo do ano 2006 duns 660.000 euros e ten que resolver unha serie de malas contabilidades de anos anteriores, pero que “o máis importante é que ten que dar cabida a importantes inversións con outras administracións nas que o Concello de Ribadeo ten que poñer unha parte menor pero importante para que poida ir adiante unha serie de infraestruturas e equipamentos moi importantes”. Entre estas mencionou obras no casco vello, na rúa Calvo Sotelo e noutros puntos do Concello, así coma a renovación de maquinaria e instrumentos de traballo e de seguridade pública moi importantes, como o novo camión da recollida do lixo, o novo camión de incendios ou o novo vehículo para a policía local.
Fernando Suárez engadiu que “o goberno municipal de Ribadeo sabe cales son os seus límites e ata onde pode chegar, así que o que facemos é dialogar con todo o mundo… pendo que é a primeira vez na historia deste concello na que se fixeron dúas comisións informativas previas a este pleno”.
O alcalde anunciou que a partir deste momento “teremos que facer un seguimento para que os compromisos de inversión se vaian cumprindo no que queda de ano… persoalmente adquiro o compromiso de que o presuposto de 2009 debe ser aprobado con moita máis antelación que este e agardo que isto poida acontecer no primeiro trimestre do vindeiro ano”.
O orzamento de ingresos do Concello de Ribadeo para 2008 é de 9,9 millóns de euros e o de gastos é de 9,3 millóns de euros. Aparece un superávit de 660.000 euros para facer fronte ao remanente negativo das contas do ano 2006. Trátase do orzamento máis elevado da historia de Ribadeo, cunha inversión á que se destinan máis de 1,8 millóns de euros, indo para gastos de persoal o 40% do orzamento.