Suárez Barcia dixo esta mañá que “todo o bó que empeza ten un final e agora estamos xa na recta final desta sétima edición do Ribadeo de tapeo, que tanta xente atrae todos os anos. Neste 2012, a pesares das circunstancias económicas complicadas, o nivel de participación e de degustación das tapas está a ser moi alto. Foi moita a xente que se achegou desde o pasado día 18 de maio a Ribadeo para saborear algunha das 51 tapas que, a través destes milleiros de libriños que editamos, a xente pode escoller e seleccionar aquelas que máis lles chamen a atención. Hai xente valente que se atreve a participar no concurso do Larpeiro de ouro, son esas persoas que fan a ruta completa”.

O alcalde ribadense convidou “a todos os veciños da Mariña de Lugo e do Occidente de Asturias que aínda non se achegaron a Ribadeo a que o fagan e que aproveiten esta fin de semana para disfrutar das tapas e de todas as actividades paralelas que estamos a facer. Na tarde deste venres levaremos adiante unha iniciativa nova facendo unha ruta de tapas do saneamento, metálicas, urbanas, que varios artistas ribadenses pintarán para darlle un toque de cor e de humor a este Ribadeo de tapeo“.

Fernando Suárez confía en que “a valoración que poidamos facer o vindeiro luns sexa absolutamente positiva como foi o arranque desta sétima edición e que consiga dinamizar este importante sector que temos, como é o da hostalería en Ribadeo”.