Continúan chegando ás praias de Ribadeo medusas. O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, asegura que “hai moitísimas en todos os areais: As Catedrais, As Illas/Castros, Esteiro, Rocas Brancas e Cargadeiro”. E explica que “colocamos bandeiras vermellas nuns casos e carteis prohibindo o baño noutros. Ademáis nas Catedrais o persoal que traballa nesa praia está a facer un sendeiro de seguridade pola area, co obxectivo de facilitar o acceso ata a segunda cala da praia e que así os turistas poidan visitala e vela sen moito problema”. O Concello recomenda que para acceder ás Catedrais a xente leve calzado.

O edil de Medio Ambiente pide a pescadores e usuarios de pequenas calas en Ribadeo “que teñan en conta que hai medusas en todo o noso litoral e que extremen as precaucións para evitar a aparición de irritacións na pel”. De momento á praia dos Bloques non chegaron as medusas.