Un grupo de 35 persoas de Loctudy atópase estes días en Ribadeo e alóxase nas casas das familias que participan deste irmandamento.

O alcalde, Fernando Suárez, pronunciou unhas palabras en francés e en galego: “veciñas e veciños de Loctudy e de Ribadeo, que este intercambio e calquera outro que poida fraguarse a partir del nos permitan enriquecernos humana e culturalmente. Non hai maior riqueza que a convivencia e o intercambio de ideas e experiencias vitais; se iso logramos facelo ademais nun ambiente festivo, mellor que mellor. Moitas grazas a todos pola vosa presenza en Ribadeo e agardo vervos noutra ocasión proximamente”.

Pola súa banda, o presidente do comité de irmandamento Ribadeo-Loctudy, Anxo Martínez, sinalou que “o irmandamento continuará” e que “intentaremos melloralo con novas ideas, algunhas das cales foron tratadas na reunión entre os representantes dos nosos concellos e asociacións respectivas”. Martínez engadiu que “traballaremos por reforzar o irmandamento entre os dous concellos, sabendo ademais que contribuímos a irmandar dous pobos, galego e bretón”.

Neste senso o rexedor sinalou que “tentaremos profundizar nas relacións entre ambas vilas. Unha das posibilidades que imos analizar é a realización de intercambios culturais nos que participen rapazas e rapaces de Ribadeo e de Loctudy. Iso estudarémolo durante o inverno”.

A estadía desta delegación de Loctudy en Ribadeo remata mañá, martes. Estes días aproveitaron para visitar lugares de interese do concello e para gozar das festas patronais de Santa María do Campo.