Suárez Barcia declarou que “como contestación franca e sincera a este escrito que nos manda o PP sobre a posibilidade de que o Concello poida regular o horario dos pubs, hai que ter en conta que a situación para estes establecementos é complexa, sabémolo desde hai meses. Eles o que piden, ademais de boa fe e a nosoutros parécenos correcto, é que se cumpren os aforos dos bares, se cumpren os horarios dos bares e se cumpren o nivel de ruídos e decibelios dos bares, poidan abrir como os bares aínda que sigan sendo pubs”.

O rexedor dixo que “de toda esta circunstancia hai meses, en xullo, xa lle trasladamos á Xunta de Galicia unha posibilidade de que o Concello de Ribadeo puidera facer unha interpretación da norma autonómica para poder facer isto. Pero despois de varias veces de ter que insistir en que a Xunta nos contestara, remoloneou un pouco e finalmente contestou dicindo que non o vía ben, que non era correcto e que o procedemento ten que ser que se alguén ten unha categoría e quere baixar de categoría debe facer o cambio administrativo pertinente, e se logo quere volver subir de categoría debe facer o cambio administrativo pertinente. Polo tanto esa proposta que tíñamos feita en Ribadeo, xa desde hai meses, quedou desbaratada pola negativa da Xunta de Galicia”.

O alcalde sinala que “a día de hoxe unha persoa que teña un pub ten dúas posibilidades, ou ben que poida pedir a categoría de bar, cousa que pode facer a través dunha declaración responsable, podendo posteriormente, cando a situación do Covid desapareza ou cando cambie esta situación, pedir unha nova categoría de pub, é certo que isto sempre conleva trámites e recursos económicos. A outra posibilidade é que a Xunta modifique as normativas para que os Concellos poidamos permitir isto, tal e como a Xunta xa está modificando as porcentaxes de aforo nos locais, está modificando as limitacións horarias ou tamén pode modificar os niveis de ruído máximo”.

Fernando Suárez manifesta que “sabemos que son momentos complexos para todos e que todo o mundo quere axudar. Outra cousa é cando se practica o oportunismo político pedíndolle ao Concello que regule aspectos que por competencia non ten senón que son da Xunta, e este tipo de cinismo político desde logo non vai con nós e temos que dicilo de maneira sincera”.