Fernando Suárez referiuse ás declaracións de Alfonso Fuente cualificándoas de “pouco elegantes e desagradables estas declaracións que fan munícipes de concellos veciños, como neste caso desde Barreiros, cando terían que atender aos seus problemas porque problemas témolos todos en todos os sitios, pero desde logo estas actitudes son ben pouco elegantes”.

O rexedor ribadense cre que Alfonso Fuente “ten un problema grande de protagonismo e gustaríame que deixara de preocuparse polas Catedrais, porque están en Ribadeo, e por Ribadeo en si como concello”.
Fernando Suárez pídelle que “mire polos verquidos de lixiviados que se levan producindo no seu concello e que levan afectando e preocupándonos á captación dese mesmo río Grande, pero xa aquí no termo municipal de Ribadeo”.

O alcalde de Ribadeo recoméndalle que “atenda e que se centre no seu concello e nas súas xentes, por certo excelentes todas elas, e que tire leccións do urbanismo salvaxe e depredador que alimentou nos anos pasados do que agora só quedan esqueletos de edificios moribundos que ninguén rematará, vivendas que se venden como nunha feira como quen di ao peso, e unha articulación urbana absolutamente inexistente”.

Suárez Barcia considera que “Barreiros foi un concello de postal desde logo para ben, cunhas potencialidades agroturísticas formidables e hoxe en día é o paradigma da pésima xestión municipal e da crise económica e social que estamos a vivir todos”.

Finalmente o alcalde ribadense dixo: “sen ánimo de polémicas que non pretendo, e desde outro concello veciño e amigo suxírolle que se centre en tentar arranxar todo iso. Que conteste aos escritos que lle levamos reiterando desde Ribadeo por mor dos lixiviados ao río Grande no seu concello porque despois xunto coa pasividade da Xunta, temos que sufrilo todo isto nós”.