Sepes recibiu xa as obras do polígono industrial de Ribadeo, segundo anunciou esta mañá o alcalde. Fernando Suárez amósase moi satisfeito polo seu remate e agarda que nos vindeiros meses sexa moitas as empresas que se instalen neste parque. Ata o momento son 13 as parcelas vendidas. O rexedor sinalou que “estamos diante outro pequeno gran paso no obxectivo final para ter o polígono industrial en funcionamento. Os responsables de Sepes recibiron as obras por parte da empresa constructora FCC, co que técnicamente están rematadas sen perxuizo dos prazos de garantía e dos períodos de proba que a lei indica”.

Suárez Barcia manifestou que “desde o Concello estamos moi satisfeitos de que estea rematado desde o punto de vista técnico e constructivo e seguimos traballando no plano máis administrativo e máis xurídico, de feito o pleno da Corporación aprobou de maneira inicial os estatutos da entidade de conservación. Son as entidades que formadas polos propios empresarios xunto coa administración encargaránse de velar pola tutela das instalacións, dos servizos, da vixianza, do coidado”.

O alcalde de Ribadeo engadiu que “por parte de Sepes nos indicaron que nos vindeiros días nos remitirán o proxecto de reparcelación para que sexa aprobado polo pleno do Concello e a partires de aí todos os compradores poderán inscribir as súas fincas nos rexistros, poderán acudir ao notario, ao banco a constituir unha hipoteca en caso de que a necesiten, etc, etc. Son pasos necesarios, importantes e desde o ano 2007  ata o de agora vemos o que era un páramo e unha realidade construida. Quizáis ven nun momento extremadamente malo desde o punto de vista global, pero ter 13 parcelas vendidas non é un mal síntoma, esperemos que nos próximos tempos máis empresas se animen a instalarse aquí”. Fernando Suárez suliñou que “temos un dos mellores polígonos en moitos kilómetros á redonda, moi ben comunicado, moi ben situado e cuns prezos que non son demasiado desproporcionados para o lugar no que se encontran”.

Por outra banda, o rexedor informou que “esta mesma mañá o director general de Feve, Amador Robles, comunicóume que a primeira hora o servizo da liña de Feve que pasa polo noso concello está restituido, despois de que durante as últimas horas se traballase a reo por parte de operarios de mantemento e reparación da compañía para ter operativa canto antes esta liña. Nos vindeiros días os trens pasarán a unha velocidade moderada porque están asentando todos os traballos. Aínda non se recuperaron todos os vagóns, están pendentes os que non molestan para o tránsito dos trens, precísanse unhas grúas moi grandes para poder chegar á zona. O mellor é ver que non houbo verquidos e que non se produciron danos persoais, houbo un incordio para os viaxeiros, pero agora todo volta á normalidade”. Suárez Barcia indicóulle “ao Grumir que periódicamente dea unha volta na zodiac para asegurarse de que os troncos que quedaron por alí non se despracen porque poden ser un perigo si chegan á ría e danan algunha embarcación”.

O alcalde de Ribadeo fixo unha valoración moi positiva do servizo de bus praia que comezaba a funcionar a pasada fin de semana. Suárez Barcia dixo que “aínda que está en período de difusión e de publicidade está a ter unha boa acollida entre a xente. Imos repartir nos vindeiros días unha nova remesa de folletos informativos que se atoparán nos puntos de información turística e tamén nos establecementos hostaleiros”. O rexedor agarda que “continúe a medrar esta demanda incipiente, e convido a todos aqueles que non teñen medios de locomoción para ir ás praias a que o utilicen”.