O edil ribadense explicou que “este xoves celebrouse no compostelán Pazo de Raxoi unha xuntanza de cargos municipais con responsabilidade na política lingüística, tanto técnicos como políticos, co  obxectivo de avanzar na creación da asociación de entidades locais pola lingua galega, co fin de desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma. Entre os asistentes estiven eu como concelleiro de Cultura do Concello de Ribadeo. Tamén cabe destacar a presenza de cargos políticos e técnicos de normalización lingüística dos Concellos da Baña, A Coruña, Ames, Ferrol, Narón, Nigrán, O Grove, Oleiros, Ourense, Ponteareas, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Rianxo, Rois, Sada, Teo, Vilagarcía e Vimianzo. A pouco que nos fixemos, ben se ve polos Concellos nomeados que son de todas as cores políticas porque todos podemos ter ese proxecto conxunto de traballar pola lingua galega”.

Farruco Graña dixo que “todos estes Concellos, e nomeadamente tamén o de Ribadeo, participamos en diferentes iniciativas de promoción da lingua galega, como son: o programa Apego, do cal xa temos feito moitas actividades aquí en Ribadeo; o certame Youtubeir@s, co cal xa temos colaborado e participado mozos e mozas de Ribadeo ao longo destes dous anos; ou tamén unha novidade para nós que é o Club de Debate, que desde logo imos estudar desde o Concello de Ribadeo”.

O concelleiro de Cultura sinalou que “é vontade de todos os Concellos que participamos nesta reunión, lograr que se incorporen novas entidades á asociación. Para poder facelo deben desenvolver actuacións encamiñadas á normalización lingüística, e teñen que contar no seu organigrama con persoal técnico de normalización lingüística, ou no seu caso con persoal que leve á práctica ditas actuacións”.

Graña subliñou que “o obxectivo desta asociación de entidades locais pola lingua galega vai ser o de promover a colaboración entre as distintas institucións, para lograrmos unha xestión máis eficaz dos proxectos colaborativos en materia de lingua. Ter que coordinarnos vinte Concellos para entre todos dispoñer un contrato para adquirir determinados bens é complexísimo. Grazas a esta entidade, vinte, trinta, corenta Concellos, os que sexan que nos sumemos a ela, será moito máis doado coordinar os esforzos programáticos que entre vinte sería máis complexo”.

O concelleiro de Cultura en Ribadeo manifestou que “nesta reunión analizamos un borrador dos estatutos da entidade que pretendemos constituír e os distintos Concellos asumimos o compromiso de seguir traballando para constituír formalmente a entidade nos vindeiros meses. Levaremos esta proposta a pleno, plantexarémola e darémoslle aprobación, agardamos que co maior consenso posible e posteriormente, unha vez que todos o aprobemos e tomemos esa decisión de ser o caso, procederemos á constitución de dita entidade para entre todos e todas traballar máis a fondo a prol da lingua galega”.