Suárez Barcia dixo: “desde o Concello valoramos positivamente a limpeza de treitos dos ríos Lexoso e Arante por parte da Xunta, pero lembramos a demanda desoída desde hai anos para previr as inundacións que se teñen producido en Ribadeo hai varios anos, especialmente nas parroquias da costa como Ove, Vilaframil ou A Devesa, sen que a Xunta de Galicia atendese as demandas do Concello efectuadas desde hai anos”.

O alcalde valora isto, pero teme que “só sexa unha cativa actuación mais enfocada ao período preelectoral no que se atopa todo o aparello político-mediático da Xunta e non unha actuación profunda e necesaria para atallar dunha vez por todas os perigos aos que nos temos enfrontados nestes últimos anos cando houbo fortes choivas, como así o testemuñan os escritos que temos enviado á Xunta de Galicia sen que ata o día de hoxe tiveran unha mínima atención por ela”.

Fernando Suárez lembrou que “só desde o Concello tivemos que adoptar medidas a través da execución de importantes obras que por competencia non nos correspondían como as levadas a cabo no barrio da Madanela (Vilaframil), ou en Dompiñor (Piñeira)”.

O rexedor engadiu: “confiamos logo que agora a Xunta se  poña as pilas, e actúe con dilixencia nos regatos do Concello (ao ser estes da súa competencia) a pesares que hai varios anos que están advertidos”.