Suárez Barcia explicou que “continuamos traballando nestas semanas nas parroquias, tanto da costa como do interior, nas actuacións de rebacheo que anunciamos estes días, pero esta semana imos empezar unha nova remesa de viais nas parroquias do Camiño de Santiago, concretamente en Ove, Covelas e Arante. Imos limpar todas esas zonas con motoniveladora, pala e camión grazas a uns cartos que conseguimos da Área de Turismo da Deputación de Lugo xunto con fondos propios”. O rexedor dixo que “contribuimos así a acondicionar estas parroquias do interior, nas que as chuvias de hai meses deixaron moitos camiños moi afectados, outros quedaron coas gavias e cunetas colmatadas de terra e de vexetación e é agora cando hai que actuar para que estean listos e en perfecto estado de revista diante da chegada da época estival”.

O alcalde engadiu que “nestes próximos tempos actuaremos en barrios, en núcleos destas parroquias e en camiños que se atopan afectados. As súas asociacións de veciños estivéronnos dando conta das necesidades que tiñan e agora é cando estamos a actuar”.