Fernando Suárez explicou que “desde o Concello de Ribadeo estamos a mandar unha serie de notificacións, requerimentos,  sobre limpeza de fincas, solares e hortos que se atopan en situación de abandono. A día de hoxe xa levamos máis dunha veintena e nos vindeiros días se irán intensificando”. O rexedor sinalou que “estamos a ver que unha parte importante dos propietarios están empezando a ser máis consecuentes, están empezando a facernos caso, están desbrozando as súas fincas e agora moitos veciños exercen tamén, por decilo dalgún xeito, de policías porque nos están a advertir alcalde está moi ben que se desbrozara eso, pero lembra que tamén en tal sitio ou en tal outro hai parcelas que están a bravo e que supoñen un risco de salubridade enorme. Estamos facendo caso a esas propostas e estamos mandando aos técnicos municipais para que avalíen cantas desas parcelas se atopan nesa situación”.

O alcalde ribadense contou que “hai fincas que salta á vista que están mal adecentadas, eso ás veces se convirte en falla de seguridade pública polo risco de incendio potencial cando chegue a época estival ou outras que teñen falla de salubridade importante xa que pode haber alimañas, ratos… sobre todo aquelas que están no ámbito urbano e tamén en núcleos rurais. Quero dicirlles aos veciños e ás veciñas de Ribadeo que as propiedades a parte de teren dereitos teñen tamén obrigas que todo o mundo debe cumprir. De non ser así, é dicir si os propietarios fan caso omiso a estas notificacións, o Concello poderá incoar unha serie de expedentes para multas coercitivas e chegará á execución subsidiaria facéndoo o Concello pola súa propia conta e despois pasaralle o cargo ao propietario en cuestión”.

Fernando Suárez asegurou que “non queremos chegar a esa situación, queremos que todo o mundo se responsabilice das súas propiedades e confío en que a xente sexa razonable, tal e como o están a facer xa moitos que chaman para preguntar cómo poden facelo e os pasos a seguir”.
Nas notificacións enviadas estes días desde a alcaldía lémbrase que “é obriga dos propietarios de terreos e construcción mantelos mesmos en condicións de funcionalidade, seguridade, salubridade, ornato público e habitabilidade segundo o seu destino e de acordo coas normas de protección do medio ambiente, do patrimonio histórico e da rehabilitación”.