O rexedor declarou que “no ánimo de simplificar ao máximo as tramitacións administrativas, vimos de conseguir que a Confederación Hidrográfica do Cantábrico lle conceda ao Concello de Ribadeo unha autorización xenérica para  realizar traballos de retirada de árbores secas, de podas ou de corta de vexetación, nos ríos e nos regos do noso concello, que resulten da competencia deste organismo, que son os que desembocan no río Eo ou na ría de Ribadeo, mentres que os que desembocan na costa, no mar Cantábrico, seguen resultando da competencia de Augas de Galicia”. 

Suárez Barcia dixo que “os veciños que queiran facer uso desta autorización, á hora de desenvolver traballos como retirada de árbores secas ou caídas, podas, rozas, etc…, no ámbito de afección destes ríos ou regatos, deberán presentar unha comunicación previa no Concello, cubrindo un formulario que hai establecido e sen a necesidade de acudir nin á Confederación Hidrográfica nin a ningunha das súas oficinas”.

O alcalde engadiu: “se alguén quere realizar este tipo de traballos nos ríos e regos que desembocan na costa, neste caso as xestións administrativas si que se deben realizar directamente diante de Augas de Galicia, que ten para iso establecido o correspondente procedemento de declaración responsable. Para máis información ao respecto poden contactar coa Área de Medio Ambiente no teléfono do Concello ou por correo electrónico”.