Para o alcalde “Eduardo Gutiérrez está falar do que escoita sen ler mínimamente a normativa vixente”. E explicou que “por  mor das autorizacións de ocupación de vía pública para colocar as terrazas na época estival que moita xente ven pedir para esta tempada, aínda que nalgúns casos se están a ocupar desde principios de ano, un dos requisitos indispensables é que os locais teñan a licencia de apertura en regla de maneira definitiva, como teñen a grande maioría dos establecimentos deste concello. Nalgúns casos puidose comprobar que non contaban con licencia definitiva de apertura. Hai casuísticas diferentes dado que algúns iniciaron licencias provisionais e non as remataron, outras son moi antigas e requerímoslles de boa fé certa documentación para que se adapten á legalidade vixente no que ten que ver co local, non coas terrazas”.

Fernando Suárez manifestou que “agás erro ou omisión desde o Concello non temos ningún afán recadatorio, porque non imos cobrar as taxas que no seu momento xa se puideron cobrar, outra cousa é que os propietarios deixaron de rematar a tramitación que era imputable a eles, e para evitarlles a eles posibles problemas administrativos no futuro, non só co Concello, senón coa Policía Autonómica, coa Xunta de Galicia ou cos seguros, é por iso que lles recomendamos que rematen os seus procesos para ter o diploma que exhiben todos os locais deste concello acreditanto polo alcalde e polo secretario que ten licencia definitiva o seu establecimento”.

Para o rexedor ribadense “isto pode ser un pouco enrevesado, pero hai un símil co que se pode entender moi ben. Cando un propietario quere vir pedir unha licencia de ocupación de vía pública para montar un andamio, por exemplo, o Concello pódella dar, pero vaille pedir primeiro que teña que ter autorizada a licencia de obra. Non se pode dar a licencia de ocupación pública dun andamio para cambiar as ventás dun edificio que non teña licencia de obra previa. Pois isto ven sendo o mesmo”. Fernando Suárez fáille unha recomendación ao portavoz do PSOE “que toque desde a partitura máis que de oído para evitar estes erros que o único que fan é confundir á xente e desde o Concello non queremos confundir senón facerlle ver que a situación na que se encontran algúns locais contravén a legalidade vixente”.