Desde a xefatura territorial da Consellería de Economía e Industria en Lugo estableceron un prazo de 8 días para a exposición pública da relación de bens e dereitos afectados pola execución do proxecto. Dita xefatura facía pública unha resolución o pasado 30 de maio pola que se anuncia o levantamento de actas previas á ocupación para a instalación da liña de alta tensión á subestación de Folgosa. Nesa resolución sinálase que a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas declaraba a utilidade pública e aprobaba o proxecto de execución da devantida infraestructura que afecta aos concellos de Trabada e Ribadeo.

Esa declaración de utilidade pública implica a necesidade de ocupación dos bens de adquisición dos dereitos afectados e a súa urxente ocupación aos efectos do artigo 52 da lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954. Por iste motivo a xefatura territorial de Economía e Industria resolveu convocar a todos os afectados cos que non chegou a acordo para que comparezan no Concello de Ribadeo nas datas sinaladas. Desta convocatoria xa se deu traslado aos interesados a través de citacións individuais nas que se sinala día e hora para o levantamento das actas previas.

Os afectados poderán formular alegacións por escrito na xefatura territorial de Economía e Industria ata o momento do levantamento das actas previas, para os únicos efectos de corrixir os posibles erros cometidos na relación de bens e dereitos afectados.