Suárez Barcia lembrou que “tal e como dixemos hai máis dun mes, cando enviamos unha nova remesa dunhas catrocentas e pico cartas a propietarios de montes que nos constaban, segundo o vo aéreo que contratamos hai uns meses, que non estaban adaptando os seus montes e as súas propiedades á lei de incendios de Galicia. Xa daquela dixemos que íamos notificar, a través dos boletíns oficiais, tanto de Galicia como do Estado, a aqueles propietarios de parcelas que non tíñamos os datos correctos. Os Concellos non teñen a culpa de que os datos no Catastro non estean ben, iso correspóndelle aos seus propietarios e algúns deles non están actualizados ou figuran a nome de persoas que xa están falecidas ou a nome de herdeiros e con estes datos o servizo de Correos non entrega as cartas. Polo tanto desde o Concello facemos o que procede, en dereito administrativo, que é notificalo a través tanto no Boletín Oficial do Estado como no Diario Oficial de Galicia”.

O alcalde explicou que “notificamos 113 parcelas desta volta, desta xente que non temos os datos, ou ben nos que os seus supostos titulares demostraron que non eran da súa propiedade, ou incluso outras parcelas que figuran co termo en investigación. De aí que agora, unha vez que se publique a partir de hoxe, estes propietarios destas parcelas que están publicadas teñen os quince días naturais que dá a lei para acometer as tarefas de limpeza das súas propiedades”.

Fernando Suárez insitiu: “quero dicir unha vez máis, e desde o goberno municipal de Ribadeo queremos reiteralo, que por favor todo o mundo cumpra cos seus deberes que marca a lei de incendios de Galicia. Somos conscientes de que moitisima xente nestes días o está a facer, algúns nos están facendo alegacións indicando que xa teñen vendida a madeira, pero que o madeirista aínda non lles puido ir cortar ou que lles está cortando. Nós o que lle pedimos a todo o mundo é que por favor cumpra coas súas obrigas de ter as faixas de protección libres de eucaliptos, de piñeiros ou doutra maleza ao pé das casas, porque se non, queremos reiterar, o habemos facer desde o Concello como unha vía executiva, como unha vía subsidiaria. Non queremos chegar a iso pero queremos dicirllo outra vez a todo o mundo para que non haxa ningún problema, e ademais por respecto a todos aqueles propietarios que si cumpriron e están cumprindo. Polo tanto non nos quedaría máis remedio que actuar de maneira executiva e subsidiaria”.