O concelleiro de Limpeza Viaria e Xestión de Residuos, Jorge Díaz, dixo que “dende a área de Limpeza do Concello de Ribadeo informamos que se acaba de publicar no boletín da provincia, no BOP, a convocatoria para a adxudicación do lavado dos colectores verdes, os da recollida de residuos orgánicos”.

O edil nacionalista sinalou que “este contrato é para tres anos, sería para o 2017, 2018 e 2019. Levaría aproximadamente uns 1.500 lavados anuais tanto para as parroquias como para a vila. Este contrato, contando as tres anualidades, rolda un orzamento máximo de 30.000 euros con IVE incluído”.

O concelleiro ribadense declarou que “calquera empresa que estea interesada en coller este contrato ou se quere ser informada poderá atopar toda a información no perfil do contratante da páxina web do Concello de Ribadeo”.

Jorge Díaz manifestou que “é un contrato anual, nestas anualidades van varias fases durante o ano tanto para as parroquias como para as praias. No verán tanto en xullo como en agosto farase énfase no que é os colectores das praias e máis nos da vila, e durante o resto do ano irase polas parroquias no concello de Ribadeo”.