O edil ribadense aproveita para insistir que “o artigo 36.2 da Ordenanza de Protección Medio Ambiental do Concello de Ribadeo establece que o lixo e desperdicios depositaranse en bolsas pechadas e non poderán ser deixadas nos contedores ou na vía pública antes das 20 horas, excepto os meses de xuño a setembro, nos que non poderán depositarse antes das 22 horas”.

Díaz Freije subliña que “reiteradamente se está a comprobar como veciñanza e negocios de Ribadeo están a incumprir ese horario, co agravante que a esta problemática lle supoñen as datas estivais nas que nos atopamos. Insistimos desde o Concello en pedir a colaboración veciñal e empresarial co obxectivo de evitar cheiros innecesarios nas nosas rúas durante o día, a pleno sol”.

O concelleiro de Limpeza Viaria engade que “este programa periódico de lavado de contedores, que hoxe da comezo, de nada serve se non facemos un bo uso dos mesmos. É preciso cumprir cos horarios que establece a Ordenanza de Protección Medio Ambiental e depositar o lixo en bolsas pechadas. Os desperdicios non se poden botar directamente nos contedores, teñen que ir sempre en bolsas pechadas. Non nos cansaremos de repetilo todas as veces que sexa necesario”.

Jorge Díaz lembra tamén que “contamos cos contedores axeitados para reciclar o noso lixo: verde, amarelo, vidro e cartón. As continuas campañas de sensibilización que se viñeron facendo deste este Concello fomentando a reciclaxe e os bos hábitos entre a veciñanza agardamos que se teñan en conta”.

O edil nacionalista fai un chamamento ao civismo da veciñanza e dos turistas para que “non deixen tirado nada nas rúas, nos parques, nas praias, nos paseos marítimos, no monte… hai suficientes papeleiras e contedores á súa disposición por Ribadeo adiante para depositar o lixo que xeramos, sen necesidade de ir tropezando con botellas de plástico, con botes, con iogures, con restos de bocadillos, con cabichas, con pipas, etc, etc”.

No mesmo sentido se refire aos propietarios de cans: “quero lembrar tamén que os cans sempre teñen que ir atados e en algúns casos, cando falamos de determinadas razas, teñen que levar bozal. E os seus donos e donas deben recoller os seus excrementos da rúa”.