O edil nacionalista explicou que “nesta ocasión desde a Área de Mocidade do Concello de Ribadeo o que anunciamos é a posta en marcha dunha iniciativa novidosa, que ven sendo unha alianza, por así dicilo, entre un proxecto estatal de promoción musical que se chama Bandeed, que nace entre Barcelona e Ribadeo, porque está encabezada por Anxo Armada, un veciño da nosa vila que estudou e que elaborou este proxecto na capital de Cataluña. Neste momento o que facemos é apoialo desde o Concello de Ribadeo poñendo en marcha o primeiro concerto que coorganizamos entre o Concello e a plataforma musical Bandeed, que el dirixe”.

Xavier Campos indicou que “Ribadeo acollerá é a celebración dun concerto de Zahara, unha artista pop española que ademais de tocar o día 17 de agosto no Cine Teatro de Ribadeo tamén presentará unha curtametraxe titulada Leñador y la Mujer América. As dúas cousas, concerto e curtametraxe, conforman o espectáculo La pareja tóxica, de música e cine, que se está movendo por distintos lugares de todo o Estado español”.

O concelleiro de Mocidade sinalou que “a novidade radica na idea de que este tipo de concertos se leven adiante a partir de agora se hai un número suficiente de persoas que estean interesadas na súa celebración na nosa vila, no Cine Teatro. Bandeed é unha plataforma musical que está en internet e que permite facer propostas de posibles concertos a celebrar en Ribadeo, que as persoas interesadas comuniquen, a través da plataforma musical e da compra previa da entrada, o seu interese en que eses concertos se leven a cabo. E a partir de aí se hai un número mínimo de persoas interesadas en que o concerto se celebre en Ribadeo teremos a ocasión de ver aquí a artistas de moi diversos estilos pero de moita talla musical”.

Para Xavier Campos “non deixa de ser un novo formato, unha nova maneira de dar saída ao talento musical e neste caso a partir dunha alianza entre o Concello de Ribadeo, que o que pon é o espazo (o Cine Teatro ou o auditorio municipal) a disposición desa iniciativa emprendedora, desta plataforma Bandeed, que encabeza o ribadense Anxo Armada”.

O edil de Mocidade subliñou que “neste caso anunciamos o primeiro concerto, esperando desde logo que sexa o primeiro de moitos que podan vir no futuro. Trátase do concerto da artista Zahara para o 17 de agosto deste ano, pero con intención sobre todo de presentar tamén como funciona esta plataforma que permitiría que cheguen a Ribadeo outros artistas moi variados e de moita calidade, simplemente co requisito de que haxa o número suficiente de persoas tanto de Ribadeo como do resto da zona interesadas en poder ver e disfrutar dos seus artistas preferidos na nosa vila. E iso sería posible a través da plataforma Bandeed”. Toda a información dese concerto en Ribadeo pódese atopar en http://www.bandeed.com/concierto/zahara